xoves. 01.05.2025
El tiempo

As ANPAS forman e califican o curso cos Premios Rosalía e Werto

As ANPAS forman e califican o curso cos Premios Rosalía e Werto
Xornadas de Formacion e Premios Werto e Rosalia das Anpas da Costa da Morte 2016

Queda menos para as completas Xornadas de Formación e a Gala Entrega dos Premios Rosalía e Werto do Ensino Público, que artellan por segundo ano a Federación de ANPAS da Costa da Morte e as Anpas Galegas. Este ano, o Pazo da Cultura de Carballo acollerá o sábado 12 de marzo a partir das 16:00h, unha xormada completa pensada para todos os pais e nais da bisbarra.

Pendentes dos últimos retoques na programación, a Fedanpa (á que, por certo, vense de unir a ANPA do IES de Xallas de Santa Comba), comezará a tarde cunha charla sobre lexislación e fiscalidade nas Anpas da man de Xosé Antón de la Fuente e Pepe Bustelo. Falarán tamén sobre unha das temáticas da tade, a Educación Domiciliaria e Hospitalaria en Galicia, para dar paso aos Premios Rosalía e Werto.

Programa das Xornadas

XORNADAS

Precisamente as ANPAS da Costa decidiron entregar o Premio Rosalía á Nieves Villar Pose, a brava “nai coraxe” de Malpica que segue pelexando polo seu fillo e por tod@s @s alumn@s enferm@s deste país.
Ademais, e sempre en clave política, as Anpas outorgarán o Premio Werto, ese premio dubidosamente honroso, ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez González.

Haberá ludoteca durante toda a tarde para ter aos cativos ocupados. E porán o peche, a golpe de musica, os Dude Soul Rock, para darlle ese toque festivo á cita escolar. Pero antes de rematar, aquí nos explican as Anpas as súas razóns para a entrega dos premios.

 

Premio Rosalía a Nieves Villar

Nieves Villar a nova nai coraxe da Costa da Morte Nieves Villar, a nai coraxe da Costa da Morte, levará o Premio Rosalía 2016

O premio Rosalía (en defensa do Ensino Público) foi concedido a Nieves Villar Pose, de Malpica, polo seu activismo na inclusión educativa do alumnado con enfermidades de longa duración que, por razón de saúde, non pode estudar nos centros de ensino ordinario.
Nieves descríbenos a situación actual da atención educativa domiciliaria como de desorganización, e de abandono por parte da administración educativa da obriga de dar cobertura aos dereitos dos escolares enfermos.
Ela, unha persoa imprescindíbel, loita a prol dunha correcta atención educativa hospitalaria e domiciliaria para todas aquelas nenas e nenos que non poidan asistir a clases por razón de longa enfermidade.
Explica Nieves que a atención educativa hospitalaria e domiciliaria debe constituírse como un dereito específico, que non sexa precisa a iniciativa das familias para que comece a funcionar. Que debe aprobarse unha normativa educativa cunha atribución de horas mínimas, que logo se modularán en función das posibilidades físicas da enfermidade, pero que deben estar fixadas previamente coa intención de que os escolares enfermos non vexan detida a súa vida educativa coa enfermidade. Polo tanto, debe existir unha conexión entre as diferentes fases do proceso para que os diferentes profesionais que se ven afectados, titores de procedencia-mestres da escola hospitalaria-mestres de atención domiciliaria e titores de destino, poidan traballar todos dun xeito conxunto e coordinado.

Premio Werto a Román Rodríguez

Conselleiro de Educacion Roman Rodriguez Gonzalez O Conselleiro de Educación, Román Rodríguez González, leva o premio Werto 2016

As ANPAS da Costa da Morte consideran que todo o contrario vén facendo a Consellería de Educación, quen nega o problema e condena á desatención educativa a todos os nenos e nenas galegos enfermos. Por outra banda, o señor conselleiro de Educación négase a recibir a Nieves Villar, porque ela está agora personificando a todas as familias con fillos e fillas enfermos cunha situación educativa similar.
O señor conselleiro debería falar, e sobre todo escoitar, a todos aqueles aos que debería representar. Pero non o está a facer.
A situación actual da educación domiciliaria e hospitalaria podemos considerala como de desorganización e de abandono. A administración educativa ten a obriga de dar cobertura aos dereitos dos escolares enfermos, pero non atende as permanentes demandas e nega dereitos.
Por iso, as ANPAS da Costa da Morte agasallan a Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria con este premio.
Lembremos que o premio Werto quere amosar os méritos daqueles grupos ou individuos atacan ao Ensino Público, que degradan a súa calidade, aproban leis para o seu desmantelamento ou rexeitan calquera iniciativa que procure unha necesaria mellora.
Tendo en conta que, coa entrega dos dous premios simultáneos, pretendemos propiciar un necesario espazo de comunicación entre as dúas personalidades premiadas, pregamos comuniquen asistencia a través deste correo.

 

I Xornadas de Atención á Diversidade

O venres 4 de marzo de 2.016, ás 19:30 h. na casa da cultura da Laracha, haberá unah reunión informativa sobre as I Xornadas de Atención á Diversidade. Unhas xornadas pensadas para “Formar e Informar á comunidade educativa (familias e profesorado) sobre os modelos e perspectivas inclusivas máis axeitadas para atender á diversidade do alumnado da Laracha”. Para esas xornadas contarán con profesionais de recoñecido prestixio dentro do campo da ATENCIÓN Á DIVERSIDADE, falaremos de proxectos interesantes que se están a desenvolver nos colexios da localidade e do proxecto de Aprendizaxe Cooperativo do IES da Laracha, en colaboración coa Universidade de Vic. Un concepto diferente do proceso de ensino e aprendizaxe.

Novas relacionadas Fonte 
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)

Comentarios