Venres. 26.04.2024
El tiempo

A comunidade cultural galega envórcase co Museo da Pesca de Fisterra

A comunidade cultural galega envórcase co Museo da Pesca de Fisterra
Porta pechada do Museo da Pesca de Fisterra A porta do Castelo de San Carlos e do Museo da Pesca de Fisterra segue pechada xa entrada o verán

Xa limos o artigo do poeta maltés Stephen Cachia ante o eterno peche do Museo da Pesca de Fisterra. E non será o único que levante a voz ante esta histriónica situación, que demostra o interese polo coidado do nosos patrimonio das nosas administracións. Hoxe toca escoitar ao filósofo Xosé Manuel Lobato.

 

Onda finada

Alexandre Nerium no Museo da Pesca de Fisterra Alexandre Nerium no Museo da Pesca de Fisterra A grande inmensidade oceánica latexa sostida polas afogadas inspiracións dun mergullo bambeante entre a desesperanza e a incerteza. Desacougo no chiscar do faro, a súa pausada ollada navega nas bágoas do pasado apresadas no museo do mar de Fisterra. Historia viva situada no emblemático castelo de San Carlos, non é este un dos grandes castelos, mais o seu emprazamento e a súa historia conseguen a metamorfose ideal para albergar un museo dedicado ao mundo do mar. Sen dúbida, nun enclave que acolle a un pobo que inspira e expira co arrecendo salgado do vaivén constante das marusías fisterrás. Este noso final da terra e as súas xentes son dende tempos afastados moradores do mar empedrado por numerosos cons con nome propio e unha vaga de mar que se enrabecha ante tanta pétrea presenza. Admiración e respecto para esa acuosa bravura multicolor que arremete sen compaixón, porén os pescadores e mariñeiros deste Cabo ondean a bandeira ancestral da sabedoría transmitida polos seus devanceiros e logran vivir nestas augas nas cristas das ondas, abalando e devalando con intensa enerxía a procuraren empatía e harmonía co seu mar. No entanto, esta historia de loita secular sen par debe ser espallada e valorada por todas aquelas persoas de calquera lugar do mundo que se achegan a coñecer Fisterra e o seu máxico engado. Con profunda tristura e decepción vivín a miña última visita polas terras do Cabo. A sorpresa foi das que deixan pegada cando tentei acceder o castelo de san Carlos, como en varias ocasións anteriores, para min visita obrigada este museo do mar que encontrei trancado. Posiblemente un museo humilde, mais que se magnifica cos folgos e coa intensa vida acubillada nas explicacións de Manolo, un guía atípico, xa que coñece todos os segredos dun mar que ama e co que durante moito tempo tamén compartiu a súa xornada laboral co o mergullador. Mais iso non é todo, Alexandre Nerium é un dos poetas do mar cun vocabulario máis diverso e limpo. Hoxe, o museo do mar necesita vida e precisa ser espallado, esa vida intensa que recibe do pasada feito presente na oralidade mareira de Manolo ou Alexandre Nerium.
  • Xosé Manuel Lobato (Lestedo – Boqueixón, 1958). Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, e profesor de Matemáticas no IES Félix Muriel de Rianxo. Escritor. Autor de Diáspora.com; Cos pés na peneira; Retorno á Natura; Máxico tear natural e Elos de cinza.
 

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios