Venres. 26.04.2024
El tiempo

Concello e Deputación renovan o convenio para continuar dando vida ás Torres do Allo

Lolo Muino alcalde de Zas e Xesus Soto da Deputacion
Lolo Muíño e Xesús Soto durante a sinatura do convenio
Concello e Deputación renovan o convenio para continuar dando vida ás Torres do Allo
Concello e Deputación renovan o convenio para continuar coa activa programación cultural nas Torres do Allo

Atención a visitantes, iniciativas didácticas, difusión e programación cultural son os eixos do acordo entre Concello de Zas e Deputación da Coruña para continuar dinamizando as Torres do Allo. O alcalde zaseiro Lolo Muíño e o deputado, Xesús Soto asinaron o convenio polo que a Deputación aporta 60.000€, para darlle un uso turístico ao monumento, impulsar o seu uso educativo e implicar á poboación local na posta en valor do edificio e conectalo coa súa propia contorna.

Van 3 anos con este modelo de xestión e todas as cifras son positivas, batento marcas de asistencia ano tras ano.

Para dinamizar este Ben de Interese Cultural, desenvolveranse actividades de atención a visitantes, comunicación e promoción, programa didáctico e de animación. Un amplo programa cultural con actividades singulares como o ScapeRoom, o concurso fotográfico "Enfoques do Allo", un ciclo de conferencias, ou as visitas teatralizadas.

As Torres do Allo son tamén protagonistas dunha das rutas de "Turismo Escolar" da Deputación da Coruña. Coa proposta "Testemuñas de pedra" os grupos escolares desenvolverán un percorrido que vai desde o monumento de Zas até o castelo de Vimianzo e os muíños de batán.

Horarios

O convenio contempla a apertura de 179 días cun horario que do 1 de xaneiro até o 15 de xuño e do 16 de setembro ao 30 de decembro é de 11:00 a 19 horas os fins de semana e festivos para ampliarse no período de verán, do 15 de xuño ao 15 de setembro de luns a venres de 11:00 a 20:00 horas e sábados e domingos de 11:00 a 21:00. Cada día de apertura realizaranse dúas visitas guiadas abertas a todos os públicos.

Novas relacionadas

Comentarios