Venres. 26.04.2024
El tiempo

Malpica pon en marcha a quinta edición do "Pintar na rúa"

Malpica pon en marcha a quinta edición do "Pintar na rúa"
pintar-na-rua-malpica Os máis novos pintarán un mural na zona do mercado municipal da vila Onte púxose en marcha a quinta edición da iniciativa "Pinta na rúa" impulsada polo concello de Malpica. Onte pola mañá preto de vinte nenos e nenas de idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos puxéronse mans a obra para encher de vida e cor un dos muros do parque infantil situado na rúa Patria Galega (enriba do mercado municipal). Ata vindeiro día 14, os/as máis cativos/as volverán a ser os e as protagonistas e responsables do proxecto de rexeneración urbana, promovido pola concellería de Educación, Cultura e Turismo para transformar diferentes espazos urbanos en enormes lenzos onde dar renda solta a súa creatividade. Este ano, os/as alumnos/as deste obradoiro artístico estarán dirixidos/as pola artista carballesa Emi de las Heras, que xa ten participado en proxectos tan coñecidos coma Derrubando Muros con Pintura, o pioneiro proxecto carballés de arte urbana.. Os e as participantes están divididos en dous grupos en función das súas idades. Os nenos e nenas de 6 a 10 anos pintarán de luns a venres de 11:00 a 12:15 horas, e os de 11 a 14 anos, de 12:30 a 13:45 horas. Mentres que a primeira quenda xa está totalmente cuberta, para a segunda aínda queda unha praza dispoñible. Para anotarse abonda con dirixirse ao departamento de Educación, Cultura e Turismo, situado no primeiro andar do Centro Cívico, ou chamar ao 981 707 104, en horario de 09.30 a 13.00. Finalmente, a actividade desenvolverase só do 1 ao 14 de agosto, quedando suspendido o obradoiro previsto do 16 ao 29. A primeira xornada dedicárona a coñecer a temática do mural que comezarán a debuxar e pintar coas súas propias mans a vindeira semana. Tratarase dunha creación moi colorista na que se recollen os elementos máis significativos do municipio, como son o mar, as redes e a Olería de Buño. Para ver o resultado final haberá que agardar ao remate deste divertido e creativo taller. Malpica, que foi un concello pioneiro na Costa da Morte no tratamento artístico de espazos degradados en décadas pasadas, recuperou no verán do 2014 o proxecto “Pintar na Rúa” a través dun obradoiro que permitiu transformar o muro exterior do Centro Cívico nun enorme lenzo. A experiencia tivo tanto éxito que dende entón repetiuse cada verán en distintos espazos.  

Novas relacionadas

“Unha balea lugrisiana en homenaxe a Paco Souto” — Que pasa na costa

Fonte

Comentarios