Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Mazaricos homenaxea a catro escritores de Beba polas Letras Galegas

Mazaricos homenaxea a catro escritores de Beba polas Letras Galegas
Unha camiñada por Beba, capital cultural mazaricá, será a actividade que o Concello de Mazaricos artella para este 17 de maio. Unha cita para homenaxear a catro escritores nados nesta aldea mazaricá, Francisco Suarez Salgado, Xesús Romero Suárez, Manuel González González e Silvestre Gómez Jurjo. A cita, ás 17:00h. Suso Jurjo fálanos dos 4 protagonistas.

“O saber consiste en buscar algo novo sen esquecer nunca o pasado”, Silvestre Gómez Xurxo

Este ano para festexar o Día das Letras Galegas queremos ir a Beba. E por que Beba preguntarase alguén. Sobraríannos motivos para achegarnos ata esta aldea: o seu castro coroando o monte do mesmo nome; os trazos románicos que aínda conserva a súa igrexa parroquial; o Pazo de Fontán, a única construción deste tipo que temos en todo o Concello; o feito de que aquí estivera o Xulgado de Paz dende a súa creación en 1855 ata o seu traslado Á Picota no 1952; a capitalidade municipal que ostentou entre 1902 e 1924; Rebeiroa, a industria mazaricá máis importante ou as fermosas beiras do seu río, sombreadas nun pequeno treito pola Carballeira do Morousón, noutros tempos de propiedade rexia. Mais non é ningunha destas atraentes razóns as que dirixen os nosos pasos ata Beba. Senón o feito, bastante excepcional, de que nos seus rueiros, o de abaixo e o de arriba, naceran catro persoeiros que, cada un ao seu xeito e con graos de implicación moi diferentes, contribuíron, e dous seguen contribuíndo, ao esplendor da nosa lingua. Referímonos a Francisco Suárez Salgado da casa de Suárez, Xesús Romero Suárez da de Xalleiro, Silvestre Gómez Xurxo da de Salgado e Manuel González González da dos Reinos. A cita coa que encabezamos estas liñas foi posta por Silvestre Gómez Xurxo en boca de Breogán na súa novela Ith; e nós traémola ata aquí para lembrar a importancia que ten para calquera persoa o lugar no que nace, se socializa e ten unha serie de experiencias iniciáticas que non esquecerá nunca. Ese lugar para os nosos protagonistas foi Beba, e dunha maneira ou doutra reflíctese en toda a súa traxectoria posterior. No noso percorrido polo lugar achegarémonos a cada unha destas casas, acompañando o noso camiñar coa lectura de textos escritos polos homenaxeados e pola narración dos datos principais das súas biografías. Datos dos que vos damos aquí un adianto. FRANCISCO SUÁREZ SALGADOFrancisco Suarez Salgado-Mazaricos Hai algúns meses publiquei neste mesmo perfil un longo artigo sobre Francisco Suárez Salgado, as liñas que seguen non son máis que un pequeno resumo do mesmo, o que teña interese en afondar no tema pode consultalo. Francisco Suárez Salgado naceu no lugar de Beba un 13 de febreiro de 1862. A pesar de ser o primoxénito foi destinado ao servizo da igrexa, ingresando no Seminario de Santiago no que remata a carreira sacerdotal no ano 1883. Nestes anos composteláns achégase ao carlismo, unha forza política dun extremo conservadorismo, e comeza a colaborar en distintos xornais, a maioría pertencentes ao espectro máis refractario da prensa da época. O seguinte paso na vida do noso paisano resulta, cando menos, chocante. O normal sería que optara á consecución dunha parroquia galega para exercer o seu ministerio sacerdotal. Pero o noso home colle outros vieiros e pon rumbo á Arxentina, desembarcando en Bos Aires en xaneiro de 1885. Nesta capital ou nos seus arredores administrará diferentes parroquias durante os dezaseis anos de estadía no continente americano. Na Arxentina primeiro e despois en Galicia, era chamado das parroquias máis importantes para predicar nas funcións máis principais, converténdose nun “predicador de moda”. Todos disputaban a súa palabra, e todos sentían prestixiado o seu púlpito cando Suárez Salgado o presidía. O seu nome atraía aos templos innumerable concorrencia, conseguindo coma se dun político ou dunha estrela do espectáculo se tratara, unha entusiasta lexión de admiradores que o seguían alí onde queira que fose. Nestes anos arxentinos continúa coa súa participación xornalística en periódicos e revistas, moitos pertencentes á comunidade galega e española, pero outros propiamente arxentinos. No ano 1898 fixo unha viaxe a Galicia representando ao Centro Galego de Bos Aires nunha homenaxe a Rosalía de Castro organizada polo Ateneo León XIII de Santiago de Compostela. Neste acto celebrado o 30 de maio de 1899 pronunciou un memorable discurso que foi gabado por tódolos medios de comunicación da época. Este discurso atópase publicado, a diferenza da maior parte das súas intervencións oratorias. Intervencións nas que, precisamente, se distinguiu polo uso e a defensa da lingua galega. A finais do ano 1900 retorna definitivamente a Galicia, radicando o seu domicilio na cidade de Santiago. Dende esta capital inicia a súa participación na vida pública do País, participando como orador sagrado en numerosas actividades relixiosas, non unicamente en Compostela, senón tamén en boa parte de Galicia: as prédicas de Semana Santa, do Nadal, das festas locais, das conmemoracións especiais, dos actos fúnebres, revestían unha grande transcendencia se eran pronunciadas polo mazaricán. Importante foi tamén a súa colaboración con boa parte das organizacións relixiosas de Santiago. No ano 1901 foi nomeado capelán do Orfanato de Compostela. No apartado xornalístico, ademais de fundar e dirixir a revista Acción Católica durante dous anos, colaborou tamén asiduamente noutros medios de comunicación: Galicia Moderna, Revista Gallega, Santiago Revista Cultural, Compostela e El Correo de Galicia. No ano 1905 traslada o seu domicilio á parroquia de Os Anxos, dende alí seguirá con boa parte das súas actividades. Nesta localidade do Concello de Brión morrerá repentinamente a causa dunha anxina de peito o 20 de agosto de 1910. Contaba con corenta e oito anos. O labor xornalístico do mazaricán, sen ser un profesional, estará encamiñado á propagación dos seus ideais carlistas, á defensa fe católica en tódalas esferas da vida, pública ou privada; e ao ataque sistemático contra todos os pasos dados polo home dende a revolucionaria caída do Antigo Réxime. Critica continuamente a España liberal e centralista, a política caciquil da época con consecuencias fáciles de constatar no abandono que sofre Galicia, e que trae como consecuencia a miseria e a emigración. Ademais deste ataque sistemático ao caciquismo, a única novidade en clave progresista concretábase no apoio que Suárez Salgado e os seus compañeiros de partido prestaban á descentralización do estado, no que as “rexións” posuirían un alto grao de autonomía con respecto ao goberno central. XESÚS ROMERO SUÁREZXesus Romero Suarez-Mazaricos Xesús Romero Suárez vén ao mundo o 22 de novembro de 1899. Arredor de 1925 remata os estudos de maxisterio, interrompidos entre 1921 e 1924 debido á súa participación na Guerra de Marrocos. O espantoso Desastre de Annual (22 de xullo de 1921) onde máis de 8.000 soldados españois morreron a mans das tribos rifeñas lideradas por Abd el-Krim, supuxo a mobilización da maioría da xuventude en idade de coller unha arma, agás os que podía pagar 2.000 pesetas para librarse dunha guerra que dende 1909 levaba xa consumido moitas vidas. É nesta situación na que o noso veciño, aínda estudante, é enviado ao Campamento de Dar-Drius para reforzar a posición española no Magreb. Será alí onde coñeza a Rafael Dieste e a Xosé María Brea Segade, dous rianxeiros estudantes de maxisterio coma el, que empezaban por aqueles anos as súas carreiras de escritores. Carreiras que a pesar da dureza da guerra non interromperon. A revista CHARAMUSCAS é unha testemuña dos seus anhelos creativos, aínda nas peores condicións. Nesta publicación que editaron os tres amigos (Dieste, Brea e Romero) e da que se conserva un único exemplar, aparece un pequeno texto de Romero Suárez: ATARDECER. Cun fondo alento poético, o noso veciño, descríbenos ao anoitecer o campamento no que estaba destinado. Cando retorna da guerra, como xa dixemos, remata os estudos e prepara oposicións a mestre, profesión que exercerá o resto da súa vida. Da súa obra literario temos poucas noticias. É moi probable que de atoparse máis números da revista CHARAMUSCA, entre as súas páxinas apareceran novas colaboracións do noso paisano. Entre os papeis de Xosé María Brea Segade, co que mantivo unha longa amizade despois dos anos de Marrocos, o investigador Xosé Ramón Brea Rei atopou dúas narracións inéditas do noso protagonista: OS BOS ANOS DO XIROME e LA MENDIGA. Son dous pequenos relatos costumistas nos que, seguramente, Romero Suárez recrea escenas e experiencias vividas e observadas na súa Beba natal. En OS BOS ANOS DO XIROME o protagonista, un vello enfermo e cansado, lembra con satisfacción os tempos nos que, acompañado do seu can Manchado, vello e famento coma el, ían de caza polos montes dos arredores e non había presa que se lles escapara. Agora só lle queda o conforto dos recordos daqueles anos vividos con intensidade e que non cambiaría por nada. LA MENDIGA descríbenos como unha boa moza, alegre, confiada e sen fortuna ten que gañar a vida servindo de criada en casas labregas máis abastadas que a súa propia. Algúns pasos inconscientes, a dureza dos traballos e as malas condicións en que tiña que desenvolvelos, foron a causa da súa situación: unha muller enferma con dous fillos de solteira, fisicamente incapaz de realizar un traballo que os manteña aos tres, motivo polo que se ve obrigada a mendigar de porta en porta. Os dous relatos teñen un ton tristeiro, pero a pesar da situación que sofren os personaxes protagonistas, o autor logra dotalos dunha grande dignidade. Non sería aventurado pensar que, cunha rebusca sistemática en xornais e revistas da época, aparezan novas mostras da creación literaria de Xesús Romero Suárez. Morre bastante novo, aos 49 anos, o 7 de xaneiro de 1949 en Guiliade (Betanzos), localidade na que casara con María Veiga López. A maioría dos datos que aparecen neste texto foron sacados do libro de Xosé Ramón Brea Rei, UN REISEÑOR CANTA LONXE. XOSÉ MARÍA BREA SEGADE: O HOME E A OBRA, e tamén doutros textos inéditos que o mesmo autor nos facilitou por correo electrónico, entre eles, os dous relatos manuscritos do noso veciño. SILVESTRE GÓMEZ XURXOSilvestre Gomez Xurxo Mazaricos Silvestre Gómez Xurxo (Beba 15/01/1951) licenciase en Xeografía e Historia e Psicopedagoxía, desenvolvendo toda a súa vida profesional en diferentes centros educativos do suroeste galego. Ao campo formativo tamén contribuíu con numerosos materiais destinados ao ensino da lingua galega, do coñecemento do medio e das matemáticas na Educación Primaria. É autor, xunto con Ana María Llanes do método de aprendizaxe da lectura en lingua galega DE VAGAR. Aínda que posteriormente destacaría no campo da narrativa de ficción, o seu primeiro libro CONVERSAS DO PAI SEIXAS (1955); como o seu nome indica, é unha longa entrevista a Xaime Seixas Subirá. Un xesuíta que nas últimas décadas do franquismo destacou polo seu apoio incondicional ás reivindicacións obreiras, e pola defensa e promoción da lingua e da cultura galegas. O noso veciño no campo da narrativa de ficción forma parte dun importante grupo de escritores, ata hai pouco encabezado por Agustín Fernández Paz, que coa súa obra contribúen decididamente a creación de novos lectores en lingua galega. A súa narrativa pola temática que trata e pola claridade expositiva, resulta moi próxima ás inquedanzas da xente máis nova. Pero pola calidade que posúe supera calquera etiqueta restritiva, facéndoa atractiva para todo tipo de lectores. Un bo sinal do que dicimos é a vida da que gozan os seus libros, reeditándose continuamente, algún deles xa vai pola décimo segunda edición. A súa andaina de escritor de ficción comeza coa novela DÉIXAO MEDRAR (Xerais 2000). Unha historia na que, Paio, un adolescente de catorce anos verase obrigado a escoller entre continuar unha existencia de aprendizaxe e diversión, propia dun rapaz dos seus anos ou, grazas ás súas boas aptitudes futbolísticas, converterse nunha estrela do deporte. Esta segunda escolla obrigaríao a deixar atrás a súa familia, as súas amizades e un primeiro e intenso amor. Na súa seguinte obra, ITH (Xerais 2001), co mundo celta como pano de fondo, o seu protagonista terá que decidir entre arriscarse e talvez morrer, para alcanzar os soños longamente acariñados, ou seguir soñando sen perspectivas de cambio. No ano 2005 publica, tamén en Xerais, TODO VAI IR BEN. Historia na que unha adolescente verá cambiar radicalmente a idea que ten da vida cando á súa nai lle diagnostican un cancro. Pola súa seguinte novela, TI NON XOGAS (Xerais 2011), recibirá o Premio Pai Martín Sarmiento no ano 2013. Arredor dun partido de fútbol entre rapaces, o autor móstranos o conflito entre a autoridade algúns líderes e a incapacidade inicial da maioría para enfrontarse aos seus mandados, aínda que saiban que non ten razón, que está facendo mal as cousas. Polo de agora a súa faceta de escritor de ficción féchase con DE CRISTAL (Xerais 2015). Un libro de relatos no que cada un dos personaxes protagonistas sofre unha serie de situacións dolorosas que terá que superar para seguir adiante. En liñas xerais a súa obra podémola enmarcar dentro da denominada literatura de aprendizaxe, na que os personaxes se enfrontan a unha serie de procesos de desenvolvemento físico, moral, psicolóxico e social que os fará evolucionar cara unha primeira madurez. Neste momento Silvestre Gómez Xurxo atópase xubilado da súa profesión de mestre, aínda que esperamos que como narrador, nos sorprenda calquera día cunha nova historia. MANUEL GONZÁLEZ GONZÁLEZManuel Gonzalez -Mazaricos “Ora si, todos matinan de mellorar seu dialecto de decrualo se é duro e máis doce ilo facendo, de lle varrer o cangallo e depuralo con tento, combinarlle voces novas e máis rico ilo poñendo e tan nidio e tan garrido que regale o entendelo” Así cantou Xoán Manuel Pintos alá polo 1853. E isto do que nos fala o poeta da boa vila é, precisamente, unha das partes fundamentais do traballo que leva realizado Manuel González González (Beba 25/10/1951) dende hai máis de cincuenta anos: estudar, depurar e impulsar o uso da nosa lingua. Traballo que xa foi comezado nos tempos de Pintos, pero a aceleración que viviu o mundo dende aquela, á que a lingua non pode ser allea, require un labor de adaptación constante. Manuel González Licénciase en Filoloxía Románica na Facultade de Letras da cidade do apóstolo. Facultade na que segue exercendo o seu maxisterio e na que alcanzou a cátedra. Dende as súas primeiras investigacións de licenciatura ata o día de hoxe, estívonos provendo de ferramentas axeitadas para que o galego siga sendo unha lingua útil e competente para calquera uso que lle queiramos dar en todo tempo e lugar. Así temos unha longa serie de obras de equipo, nas que o noso paisano tivo unha parte principalísima: Atlas Lingüístico Galego, Diccionario da Real Academia Galega, Diccionario da Lingua Galega, Diccionario Manual da Lingua Galega, Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega, Vocabulario ortográfico da lingua galega, Diccionario inverso da lingua galega, Léxico de Matemáticas, física e química, "Vocabulario de telefonía y comunicaciones móviles castellano-galego, galego-castellano", Bases prá unificación das Normas Lingüísticas do Galego, Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, Plan de Normalización Lingüística do 2004 ou o conversor texto-voz para o galego. E esta no é máis que unha pequena mostra das arredor de 161 entradas coas que conta na Biblioteca da Universidade de Santiago, a maioría da súa autoría exclusiva. Todos estes logros non naceron da nada. Son froito de profundos e reflexivos estudos nos campos da dialectoloxía, da lexicografía, da sociolingüística, da historia da lingua e da fonética, disciplinas nas que o noso veciño é un rigoroso especialista. Poucos estudosos poden superalo en intensidade, calidade e cantidade. Toda esta competencia e eficacia tiña que traducirse, por forza, na asunción de importantes responsabilidades ao longo de todos estes anos: vicedecano da facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago durante varios anos, director dos cursos de lingua galega para estranxeiros (1988 - 2007), director do Servizo Galego de Terminoloxía Técnico-científica, coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, secretario do Instituto da Lingua Galega (1991 – 1996) e membro de número da Real Academia Galega dende 1992, da que foi secretario entre o 2000 e o 2009, e tesoureiro do 2010 ao 2013. Este inxente labor tamén foi recoñecido polo Concello de Mazaricos que o nomeou Fillo Predilecto no ano 2013. Manuel González González é, como propugnaba Pintos noutro treito do seu poema da Gaita Gallega, un traballador do noso idioma que, “con patriótico empeño/ polas aldeas e vilas,/ coidan de recollelo,/ de compolo e arrombalo,/ e facer un todo enteiro” para que o galego goce doutras mil primaveras máis.

Fonte

  • Concello de Mazaricos.

Comentarios