Venres. 26.04.2024
El tiempo

Melloran a accesibilidade aos pescadores do coto Xallas-Beba

Melloran a accesibilidade aos pescadores do coto Xallas-Beba
Open de pesca no rio Xallas

A Xunta quere realizar as obras renovación de sete pasos de pescadores e a creación de dúas plataformas de pesca en Colúns, que permitan a práctica da actividade deportiva a persoas con mobilidade reducida, no coto de Xallas- Beba, entre os Concellos de Dumbría e Mazaricos. Para mellorar a accesibilidade, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, quere investir case 120.000 euros.

O curioso é que o ente autonómico primeiro o anuncie e despois informe aos concellos, como así indican, pois "proximamente proporalle a Xunta aos citados municipios a sinatura dun convenio de colaboración para poder acometer estas actuacións".

Substituiranse os pasos existentes por outros novos de madeira de piñeiro. Tres destas infraestruturas situaranse na marxe dereita do río Xallas e as outras catro na marxe esquerda. Toda a madeira estará tratada e protexida da luz solar e as varandas tamén serán de piñeiro e estarán elevadas un metro sobre a tarima do paso peonil. O pavimento dos pasos será tratado con resina sobre a que se engadirá area de cuarzo. O proxecto tamén contempla actuacións para facilitar a pesca a persoas con mobilidade reducida, instalando dúas plataformas na marxe esquerda do río Beba. Ademais, esta zona disporá de bolardos colocados á entrada de cada plataforma para impedir o paso de vehículos. No que se refire ás obrigas, o Executivo autonómico, unha vez executadas as obras, poñeraas a disposición dos Concellos de Dumbría e Mazaricos, que asumirán a responsabilidade das tarefas de conservación e mantemento.

Comentarios