Denuncia o grave maltrato a dous nenos de 6 anos por unha profesora dun Colexio de Fisterra


Grave denuncia a que nos chega dunha nai fisterrá. Lina Díaz Olveira ten, a día de hoxe, aos seus fillos na casa, pois non os quere mandar á escola, ao colexio concertado e relixioso Nuestra Señora del Carmen. Lina denuncia o “grave maltrato e humillación” que están sufrindo os seus dous xemelgos de 6 anos por parte dunha profesora do centro.
A cousa vén de lonxe. Lina, que escoitaba as historias dos seus fillos durante o curso pasado, presentou unha denuncia de malos tratos, acusando á profesora de pegarlle aos nenos cun informe da pediatra. Unha denuncia que quedara sobreseida ao non poder probar que fóra á profesora quen lle pegou. “Aí comezou o acoso e derribo por parte do centro”, cóntanos a nai, que durante a celebración do acto de fin de curso do ano pasado, tivo un enfrontamento verbal bastante forte cos membros do centro. A raíz de aí, o centro, que defende que a profesora é unha profesional exemplar nos 37 anos que leva pero que non quere facer declaracións públicas, interpuxo unha denuncia, pero desta volta gañou Lina, que foi absolta.
Entre denuncia e denuncia, o centro decidiu que tanto o seu fillo maior (en 2º da ESO), como os dous xemelgos, repetisen curso este ano, e iso que, segundo a nai “son nenos totalmente normais, teñen algún problema físico (un dos nenos ten unha xordera do 70%), pero ningún psiquico, e xa saben sumar, contar… como o resto de nenos da sua idade. Non lles poden facer repetir a estas idades, que segundo me dixo un pedagogo da asociación APEGA, 1º é un tránsito para pasar de infantil á Primaria, e non se lle pode facer repetir aos nenos”.
O caso é que os xemelgos terían que volver á clase de 1º de Primaria coa mesma profesora, razón principal pola que Lina non os manda a clase, e segue pelexando con Inspección Educativa para que os rapaces non teñan que repetir curso e poidan “librarse” da profesora.
”A vergonza social está aí. Dame igual se botan ou non á profesora, que agora non será a súa profe, eu só quero conseguir que os meus fillos pasen de curso”, explícanos a nai.
Gravacións
A cousa salta estes días á palestra pública gracias a unhas gravacións que vén de emitir Radio Nordés. Unhas gravacións de “como a profesora trata aos nenos como gando”, segundo a nai, e que se vén non lle serven a Inspección para levar adiante unha investigación, si que lle serven á nai para facer pública a súa denuncia. Unhas gravacións que realizou alguén de dentro do centro, e que lle deixou, anonimamente, no buzón á familia implicada nun pendrive.
“De que vas, ponte a hacer eso, queda media hora, coño. O quédate en tu casa que te lo haga tu mamá”, escóitase nalgunha das gravacións a berros como lle fala á mestra aos nenos.
Aquí deixamos a entrevista que Josiño Mira lle fixo esta mañá a Lina Díaz en Radio Nordés-Cadena Ser coas devanditas gravacións:
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
- Entrevista realizada en Radio Nordés-Cadena Ser.