Cabana, Coristanco, Fisterra e Laracha arrincan a campaña da velutina
Arrincou a semana pasada en carios concellos da comarca a Campaña anual de trampeo de avespa velutina, xa que esta é a época na que as raíñas fundadoras comezan a formar os niños e, por tanto, o momento no que debe realizarse un maior esforzo para evitar o xurdimento de novas colonias.
É o caso do Concello de Fisterra, que busca superar as cifras do ano pasado, cando entre Concello e veciñanza atraparon casi 5.000 reinas. Este pasado xoves celebraron a entrega das trampas no salón de plenos.
Na Laracha
Dende este luns, o Concello da Laracha xa ten en marcha a sáu campaña. Unha empresa especializada no control de pragas está a colocar un centenar de trampas en puntos estratéxicos das trece parroquias do termo municipal, centrándose especialmente en espazos verdes, parques e prazas de titularidade pública.
Ao mesmo tempo, o Concello fai un chamamento á colaboración e implicación da cidadanía nesta campaña. A partir do luns calquera veciño empadroado no termo municipal da Laracha poderá solicitar atraínte de balde tanto no Edificio Administrativo da Laracha como no viveiro de empresas do polígono industrial, co compromiso de contabilizar as raíñas capturadas e trasladar a información cada quince días á empresa que vai realizar o seguimento para coñecer os puntos do concello nos que existe unha maior presenza de velutinas.
En Cabana

Pola súa banda, o Concello de Cabana arrincou este luns unha campaña que se estenderá durante 13 semanas, ata o 1 de xuño. Está prevista a entrega de 1.000 doses de atraínte entre os veciños de Cabana, que se poderán unir ao programa apuntándose nas oficinas xerais do Concello. Quen se adhira á campaña terá a obriga de informar cada 15 días da captura de raíñas recollidas.
Ao mesmo tempo, a empresa Plaguiber colocará un cento de trampas en diversos lugares públicos do municipio, tales como colexios, xardíns, igrexas ou o paseo marítimo, entre outros. Este mesmo luns xa se colocaron 78, e estarán xeolocalizadas a través dunha aplicación móbil.
Coa nova edición, o Concello replica unha estratexia que xa demostrou a súa efectividade. O ano pasado capturáronse 6.274 avespas nos puntos públicos, o que permitiu mitigar o impacto da especie invasora.
En Coristanco
En Coristanco a reunión informativa e de entrega de trampas terá lugar o xoves, 12 de marzo, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Coristanco. Durante a sesión repartirase o líquido atraente necesario para o trampeo, dirixido especialmente ás persoas que xa dispoñen de trampa e que desexan continuar colaborando nesta campaña.

Avisar ao 112
Así mesmo, lémbrase que no caso de detectarse un niño de avespa velutina é preciso chamar aos teléfonos 012 ou 112 para poñelo en coñecemento da Xunta de Galicia para proceder á súa eliminación en virtude do convenio entre o Concello, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Fegamp.




