Evento
Asalto ao Castelo de Vimianzo
07/xul./2018 a 07/xul./2018
12:00 h a 6:00 h
11:51 22/06/18
Comezou a conta atrás para a XXIII edición do Asalto ao Castelo de Vimianzo. O día grande, o 7 de xullo, estará acompañado dunha semana de actividades nas que se misturará a música, o teatro, a gastronomía e o deporte. Precisamente esta mañá coñecíamos o cartel completo da festa no acto de presentación que tivo lugar na propia fortaleza e na que estaban representantes da organización: Marta Miñones, da AC Axvalso; Manuel Rial, da AC Cherinkas; o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo; e a concelleira de Cultura, Marta Rey.
No marco da celebración do 550 aniversario da Guerra Irmandiña (1467-1469), este ano rememórase o momento do ataque histórico á fortaleza. Este feito e a propia historia do castelo viviranse teatralmente na representación nocturna do Asalto ao Castelo e na Historia Dramatizada do castelo. Na representación, dirixida por Soraya Lema con actrices e actores voluntarios da comarca, vivirase o momento no que a Santa Irmandade está impoñendo a Xustiza no reino de Galicia e, especialmente, na Terra de Soneira, trala victoria irmandiña en moitos castelos. A familia Moscoso non deixará tan facilmente que o pobo se
goberne a si mesmo polo que non quedará outro remedio que atacar o castelo de Vimianzo, o refuxio dos malfeitores. A actualidade estará presente coma sempre na peza teatral que rematará coa tradicional batalla no foso do castelo con globos
de auga e o ariete derrubando a porta da fortaleza. Como novidade, este ano realizarase unha preestrea da peza no auditorio vimiancés o mércores 4 ás 21:30 horas.
Previamente, pola tarde, no patio do castelo, alumnado do IES Terra de Soneira dará vida á historia da fortaleza: Dos Feitos e Desfeitos que estas Pedras Viviron, dos Tempos das Cantigas aos do Electrolatino. Alén diso, as propostas do concello de
Vimianzo na fortaleza completan a parte histórica con visitas guiadas no castelo todos os días ao mediodía e visitas teatralizadas o domingo 8 co grupo Os Quinquilláns.
XI Pinchos Irmandiños e Cea Medieval
Dentro da programación tampouco faltan os xa tradicionais pinchos irmandiños que, segundo a organización, este ano serán de maior calidade. Así, do 3 ao 7 de xullo, dezasete locais hostaleiros da vila ofrecen petiscos singulares nos que non se pode utilizar ingredientes que non existisen na Idade Media galega. Nunha aposta pola calidade e mellora constante do
certame dos XI Pinchos Irmandiños, o equipo Guitián & Mayer asesorou e valorou previamente as propostas para que acadasen un nivel satisfactorio. Ademais este ano o concurso contará cun xurado anónimo, ademais do público, que valore os diferentes petiscos pola súa creatividade, calidade, presentación…
A outra gran base gastronómica da festa é a IX Cea Medieval, que esgotou as súas entradas en poucas horas este pasado luns. Perto de medio cento de persoas ceará o venres 6 de xullo no foso do castelo, vestidos de época e podendo gozar das actividades de animación, e xa despois aberto a todo o público o concerto do grupo Carapaus. Antes de comezar a cea terá lugar o Enlace
irmandiño, unha voda singular de inspiración medieval pero ao xeito do Asalto.
7 de xullo
E o día máis agardado por todos os públicos é o sábado, 7 de xullo. As actividades arrincan a partir das 10:00 horas coa Feira Artesanal que se concentrará na praza do Concello onde ademais haberá diferentes actividades que amenizarán a xornada. Entre elas destaca o Asaltiño, o ataque ao Castelo para os máis pequenos que comeza na praza e remata no propio foso como os maiores. A batalla de auga é o elemento máis divertido desta cita que é todo un éxito de público. Outra actividade recente, pero fundamental, é o desfile das Irmandades Parroquiais, abertas á participación de toda a Terra de Soneira histórica (concellos de Camariñas, Vimianzo, Zas, Laxe e parte de Cabana). Este desfile de tropas irmandiñas chegadas de diferentes parroquias acabarán na praza do concello, reuníndose para o ataque final da noite, a lectura do pregón e o izado da bandeira irmandiña. Ainda está aberto o prazo para inscribirse nesta actividade, na Feira Artesanal e no IV Concurso de Fachadas que ambienta a vila durante a celebración.
Tralo concerto do venres, o sábado toma o relevo musical cunha sesión vermú na praza do concello con Trampulleiro e música nas rúas con diferentes sons tradicionais e de músicas do mundo. Xa á noite no campo da festa animarán os
irmandiños as pandeiretas de Ialma, galegas afincadas en Bruxelas. Unha vez asaltado o castelo, a música continúa coa nostalxia dos Inmaculate Fools, os éxitos de Amparanoia e o punk festeiro de Terbutalina.
Legua Irmandiña
E o deporte tamén ten cabida nesta festa. Así, o sábado 30 de xuño ás 21:00 horas quedará inaugurado o Asalto ao Castelo coa
celebración da carreira nocturna da Legua Irmandiña. Trátase da cuarta edición dunha carreira popular vertebrada co Castelo e cunha distancia baseada nas antigas unidades de medida con distintas modalidades para todas as idades.
As asociación Cherinkas e AXVALSO xunto co concello de Vimianzo son as entidades sobre as que recae o peso principal deste evento, mais outros colectivos da vila e comarca fan posible a celebración da festa.
Novas relacionadas
- Asalto 18: A organización do Asalto ao Castelo chama ás irmandades parroquiais
- Asalto 18: Comezan as inscricións para a VIII feira artesanal, a cea medieval e o concurso de fachadas do Asalto ao Castelo
- Asalto 18: Heredeiros da Crus, Xabier Díaz, Immaculate Fools e Terbutalina actuarán este verán na Costa da Morte
- Asalto 18: Amparanoia e Ialma, primeiras confirmacióins do Asalto ao Castelo de Vimianzo 2018