![]()
A cantante, investigadora, regueifeira e autora do libro Regueifa en Bergantiños, Alba María Rodríguez, dará a coñecer a súa obra e regueifará con Lupe Blanco o vindeiro mércores, día 13 de decembro, a partir das 20.30 h na Taberna O’Mexillón de Carballo
“Comeza a baixar o sol en Bergantiños. Celestrino de Leduzo viste unha camisa branca, un chaleco e un lazo que o fan semellarse a un distinguido artista. Non moito máis lonxe, Calviño de Tallo ultima tamén a roupa para o espectáculo, idéntica á do compañeiro. Emprenden camiño, unhas veces a pé, outras xa en automóbil, para cantar en Buño, Cerqueda, Carballo, Vedra, A Coruña... Ambos gardan no inconsciente a materia prima duns versos que só nacerán despois, nun volátil presente, á beira da imaxinación, a retranca, o debate, o humor e o artificio retórico.”
Así presenta Alba María Rodríguez, investigadora e regueifeira, o seu libro-disco Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo, un volume acabado de editar e que será presentado o mércores 13 de decembro na capital bergantiñá. E para a presentación, que organiza o Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística, escolleuse un lugar simbólico e acolledor para a regueifa, como o é a emblemática Taberna O’Mexillón, ademais, casa natal de Alfredo Brañas. E non será unha presentación ao uso, pois tratándose de regueifa, non podía faltar a improvisación cantada, polo que xunto coa autora, que é regueifeira, tamén estará outra coñecida da zona, Lupe Blanco. No acto participará ademais o editor da Central Folque, Ramom Pinheiro, ademais do concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira.
Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo, é un volume que inclúe un ensaio sobre esta forma de expresión e transcrición e análise das letras e das melodías empregadas, xunto con gravacións inéditas en CD, nas que se pode escoitar regueifando a Blanco de Muíño Seco con Josefa de Vigo ou con Pedro Bardancas, a Celestrino con Calviño ou con Antonio de Xornes, ou xuntos a Mandián, Suso de Xornes, Celestrino e Calviño.
Bergantiños, berce da regueifa
A comarca de Bergantiños constituíu arredor dos anos 50 un berce de coplas, rimas e contextos óptimos para o desenvolvemento da poesía oral improvisada. Na súa manifestación en forma de controversia, a chamada regueifa, destacaron numerosas figuras que encarnan os últimos anos de vitalidade do fenómeno improvisador galego.
Entre elas soan con forza os nomes de Blanco de Muiñoseco (Coristanco) e o dos seus discípulos Calviño de Tallo (Ponteceso) e Celestrino de Leduzo (Malpica de Bergantiños). Ambos os improvisadores levaron a disputa en verso ao seu máis requintado nivel. Máis alá dos casamentos, amenizaron os bares, as festas e calquera encontro público e semiprivado dunha Galicia eminentemente rural. A través destas figuras e o seu tempo coñeceremos estas coplas de catro versos octosílabos con rima nos pares, que vinculadas a unha melodía fixa compartida polos opoñentes, constitúen o celme da tradición cantada galega.
Esta festa regueifeira que terá lugar o mércores 13 na Taberna O’Mexillón é a primeira de varias que durante os próximos meses terán lugar en Carballo para a posta en valor, socialización, difusión e actualización da regueifa, e que se desenvolverán desde o Servizo de Normalización Lingüística municipal no marco do proxecto Enreguéifa