mércores. 30.04.2025
El tiempo

Evento

I Muiñada de Vimianzo

03/out./2015 a 03/out./2015
20:00 h a 20:00 h
I Muiñada de Vimianzo
Cartel_Muinada-Vimianzo-2015 Menuda festa a que teñen armado a xente da Cherinkas para este vindeiro sábado 3 de outubro no muíño da Agra de Vimianzo. A asociación cultural, xunto co Concello de Vimianz,non ten parada, e para darlle vida á Agra, o organizan unha “antropofesta” para reivindicar este ben etnográfico encaixado no medio do tecido urbano da vila. A festa comezará ás 5 da tarde para os pequenos, co espectáculo de teatro musical “Merenda con pan de millo” de Migallas Teatro. Unha hora máis tarde realizarase unha visita guiada etnográfica sobre a vida no campo, os seus apeiros, e, especialmente, ao redor do muíño. Ao remate terá lugar unha demostración ao vivo para ver como moe e produce a fariña. O millo será o protagonista tamén dos xogos populares que se celebrarán a partir das 7 da tarde: campionato de debullo, esfollada de millo, torneo de peneira e baile do cañoto. Con todo isto irá chegando o momento da cea, no que se degustarán produtos tradicionais como empanadas de millo, follados, broa, filloas … Mentres tanto, música e baile con grupos de música tradicional de Vimianzo (A.C. Trubisquiña, Foliada de Salto e Airiños do río Grande). A partir de aí, abrirase a noite de concertos, cun cartel de gran calidade no que as actuacións serán próximas e festeiras, como os cantos nunha taberna ou, precisamente, nunha muiñada. Abren a velada os Druídas da Rolda, grupo vimiancés creado recentemente de compoñentes moi novos no que imperan os ritmos folk de pub irlandés. De seguido será o turno do grupo A Roda, grandes expoñentes da música de taberna que elevaron o Pousa, pousa e o Andar miudiño a hits nacionais. Levan rodando desde 1975, e aínda que o grupo cambiou moito seguen coa mesma esencia. Comezará a madrugada ao compás de De Vacas, que traerán os éxitos internacionais a golpe de ritmo tradicional. Sebastião Antunes chega a Vimianzo co seu séquito a Quadrilha coa súa mistura de ritmos da música tradicional portuguesa e influencias da galega, irlandesa ou escocesa. O cantante iniciou a súa carreira en 1993, co álbum Contos de Fragas e Pragas e poderá presentar o seu último traballo ao vivo Deixa que Aconteça. Para os trouleiros que queden con ganas de máis, rematamos a noite coa Liga Galega Gaiteira, foliada até altas horas da mañá! Colaboración dos veciños Como xa veñen facendo en celebracións como o Asalto ao Castelo, nesta I Muiñada a implicación dos veciños é peza fundamental. Por iso se fai un chamamento a todos os que queiran botar unha man. Poden facelo de varias maneiras: - ExpoRetro. Calquera ferramenta ou maquinaria vella, en especial a que teña que ver co muíño e co millo pode sernos de axuda. - Cociñando empanadas ou follados de millo. Se a podes prestar, debes poñerte en contacto coa asociación a través do correo cherinkasax@yahoo.es ou ao facebook da A. C. Cherinkas.
Comentarios