O Dumbría completou a súa máxica tarde vencendo a Final da Copa da Costa masculina na gran Festa do Fútbol costeiro

Coas xogadoras do Dumbría aínda celebrando o título de campionas tras vencer ao Muxía na quenda de penaltis, saían xa a quecer os dous equipos masculinos, que tamén enfrontaban a un Dumbría de Pablo Conde favorito (campión da 1ª, e co 5 títulos ao seu haber) ante o Muxía de Sergio Pataca que chegaba a súa segunda final da Copa da Costa da historia, sendo a primeira no ano 1966.
O partido non defraudou, e cando parecía que o Dumbría se ía levar a final, apareceu a mellor versión dun Muxía que voou espoleado pola afección Corviña, superando o son vermello ao branco nas bancadas.

Tivo que ser, de novo, a lotaría dos penaltis, a que decidise o Campión a 60ª edición da Copa da Costa, indo, tamén como no feminino, para engrosar as arcas do Dumbría, que suma o seu 6º título da historia. En fronte, un Muxía que pode ficar satisfeito de ter metido aos seus equipos sénior nas finais copeiras, e competirlle ao máximo a todo un Dumbría, que lembren, aspira a gañar 5 Copas da Costa este curso.
Muxía - Dumbría (1-1)

- Muxía: Adrián Suárez, Congui, Kevin (Mateo, m.68), Anxo (Alex, m.75), Iago Muíño (Darío, m.75); Carlos Costa, Mauro Romaní, Manu Nogueira, Robert (Manu, m.86), Fran Moreira e Víctor Alcaina.

- Dumbría: Anxo, Kanario, Breixo, Mataso, Dani Chao, Baba, Lucas Toba (Antón Pose, m.68), Toni Vilar, Estévez, Xabi Castro (Iago, m.46), Alex Marcote (Juanjo, m.65).
- Goles: 1-0, m.25: Xabi Castro; 2-0, m.27: Alex Marcote dende a frontal coa zurda; 2-1, m.40: Fran Moreira tras un centro de Robert; 2-2, m.60: Iago Muíño de cabeza tras outro centro de Róbert.

Comezaba moi enchufado o cadro de Sergio Pataca, combinando moi ben, e avisaba Fran Moreira rematando errático tras un centro de Iago Muíño tras un pase filtrado de Manu Nogueira. Pero o equipo de Pablo Conde demostraba as suas intencións e nun balón longo de Mataso sobre Estévez, acababa cun rondo dumbriés no borde da área sen definir.
Collía o mando do partido o Dumbría e Marcote e Estévez comezaban a facer dano por banda probando a Adrián Suárez. Ata que aparecía a varita de Lucas Toba, que metía un balón ao espazo que acababa co tanto de Xabi Castro cun tiro raso dende a frontal. Non pasaba un minuto e repetíase a xogada pero por banda contraria, con Alex Marcote que se metía cara o medio e chutaba dende lonxe marcado tamén raso o segundo.

Afectou o gol no cadro muxián, que estivo 15 minutos noqueados, pero conseguía reaccionar. Cambiaba o partido cando faltaban 5 para o descanso e parecía que estaba o partido controlado polos muxiáns. Aí aparecía Manu Nogueira cando máis o necesitaba o equipo e metía un balón en banda a Robert que centraba e deixaba só a Fran Moreira que definía só dentro da área ante Anxo para meter ao Muxía de novo na final. Seguía percutindo o Muxía e na xogada seguinte roubaba Nogueira un balón en campo contrario e deixaba atrñas que tiraba demasiado cruzado. E pouco despois Dani Chao pasábase de revolucións e acababa expulsando deixando a final completamente aberta para a segunda metade, cun 2-1 no marcador e un home menos.

Daba un paso atrás na segunda metade o Dumbría e esperaba no medio campo, pero avisaba con dúas boas ocasións de Diego e Alex Marcote que salvaba Adrián. O Muxía dominaba territorialmente e metía atrás ao Dumbría, e noutra entrada por banda de Rober, centraba ao segundo pau e remataba Iago Muíño de cabeza para facer o empate, ante o delirio da bancada Corviña, que espoleaba aos seus.

Así e todo, o Dumbría non esquecía de saír, e tiña que aparecer Adrián Suárez outra doble chegada de Estévez e Mataso no rexeite. O partido non freaba e á volta a enésima xogada de Robert por banda esquerda, o seu centro era rexeitado por Anxo e o rexeite caíalle na frontal a Manu Nogueira que cedía para que Víctor Alcaina tirase frouxo.
Esmorecían os 90 minutos cun par de faltas de Kanario, unha fóra e outra que parou Adrián, antes de que David Castreje pitase o final, tendo que ir á segunda quenda de penaltis da tarde. Chegaba á quenda o Muxía tras eliminar, nos penaltis, a Mazaricos, Sofán e Outes nas eliminatorias previas, pero desta volta non puido ser. Só un erro, o de Fran Moreira, que lanzou alto mandando o balón case que ao cemiterio veciño, e desta non puido aparecer o heroe dos cuartos e das semis, un Adrián Suárez que non puido pararlle ningún penalti.
Volveu ser Kanario, como o ano pasado en Arliña, o que marcase o 5º e definitivo, e levase ao Dumbría ao delirio.


