![Ismael Ramos e o seu libro Lumes]()
Ismael Ramos e o seu libro Lumes
Este domingo ás 5 da tarde na Casa de Cultura
da Picota presentarase o libro LUMES de Ismael Ramos . Unha obra moi singular empezando polo seu xénero: non se de trata dun libro de poemas ao uso, senón dunha serie de microrrelatos de prosa poética.
Ao longo da obra vanse plasmando unha serie de vivencias que, na miña opinión, igual que en obras anteriores, pero quizais nesta dunha maneira máis evidente, o autor coa súa escrita logra fixar na mente do lector unhas imaxes moi concretas que maioritariamente se desenvolven no entorno familiar máis inmediato do poeta, ou iso parece. Vivencias que poida que se orixinen nun mundo moi preciso, e en aparencia moi fechado, pero cunha forte proxección ao universal. Falar dende un mesmo, dende a experiencia do propio corpo. Só dende as experiencias máis profundas, sexan estas nos ámbitos máis íntimos ou máis abertos, se pode construír unha mensaxe que transcenda o persoal e logre interpelarnos a todos.
Está tamén moi presente no libro a necesidade de escribir. A escritura como un acto de resistencia, de rebeldía, coma unha catarse que nos rebela o doloroso da vida pero que tamén nos purifica. Aí está o símbolo do lume coas dúas alternativas: a destrutiva e a purificadora.
Os pais como responsables da educación e das posicións iniciais dos fillos ante a vida. Os fillo como un elemento que condiciona, para ben ou para mal, o resto da vida dos pais. A familia como institución solidaria cos seus membros, pero ás veces tamén, traumática, abafante. A diferenza entre a vida soñada e a real, maiormente nas clases populares, incidindo no “avelluamento” e na perda de ilusións. Os cambios da adolescencia, a enfermidade como castigo, a vivencia da morte de seres moi próximos; son algúns dos asuntos que debulla o autor e que vertebran unha boa parte do libro.
Un libro no que hai, como nos lembra o autor nunha recente entrevista, “moito de min e tamén hai moita presenza dos lugares, deses recunchos que se van deshabitando e perdendo. Incluso Mazaricos sería o lugar ideal para ler o libro”. Pois aí estaremos este domingo para que Ismael nos fale da súa última publicación e nos lea parte dela.
A raíz da presentación de OS FILLOS DA FAME en maio de 2016, dende este mesmo perfil de facebook escribín unhas palabras que agora, e con redobrados motivos, volvo repetir para poñerlle remate a esta breve entrada:
“Ismael Ramos Castelo naceu na Picota no ano 1994, aínda que de pequeno, coa súa familia, trasladouse a Noia onde se criou. Seus pais tamén son de Mazaricos: el do Tomaso de Busto e ela do Paxareiro do Pino de Val (Bar Castelo). Criouse, polo tanto, nun fogar onde a presenza destas terras mazaricás tiña que ser constante e, dun xeito ou doutro, debeu influír na súa personalidade e no seu universo poético. A pesar dos seus poucos anos xa ten no seu haber unha longa nómina de premios: varios Minerva que outorga o Colexio Manuel Peleteiro, o Anxel Casal do Concello de Santiago, o Francisco Añón do Concello de Outes, e coa súa anterior publicación, OS FILLOS DA FAME, o Johán Carballeira 2015 do Concello de Bueu. Precisamente con esta última obra, a maiores do mencionado premio, obtivo as mellores críticas o os parabéns máis afervoados da Galicia máis sensible e ilustrada. A primeira edición, Edicións Xerais de Galicia, esgotouse en poucos días, feito absolutamente infrecuente no mundo da poesía. Nós, dende aquí, temos que agradecerlle que a onde queira que vaia siga exercendo de mazaricán e eleve o nome desta terra, que é a súa, ao Olimpo da Poesía Galega. Grazas a esta xenerosidade tamén nos toca unha migalliña do seu éxito que, desexamos, sexa eterno e ilimitado. Os escritores é o que teñen, poden conseguir coa súa obra a eternidade que nos está vedada ao resto dos mortais”.
Esperamos que LUMES siga a estela dos FILLOS DA FAME e se converta nun libro fundamental da poesía galega contemporánea.