O gandeiro Manuel Pose Varela entra no pleno de Cabana polo BNG para coller o relevo de Marcos Lois

O grupo municipal do BNG de Cabana de Bergantiños vén de anunciar varios cambios para "ofrecer un mellor servizo ás veciñas e veciños de Cabana e, por outro, cumprir co compromiso de que para exercer con responsabilidade como concelleira ou concelleiro do BNG, é preciso vivir no noso Concello".
O concelleiro Marcos Lois Costa, que ía de número 3 na candidatura, presentou nesta semana pasada á súa renuncia ao cargo.
Marcos leva un par de tempadas traballando, e aprendendo, na Laponia (Finlandia e Suecia), como promover e xestionar o turismo activo nunha contorna distinta coa súa empresa de turismo activo, Galifornia.. O que, en principio, ía ser algo temporal converteuse en máis duradeiro. Por este motivo, estritamente laboral é polo que deixa o seu posto como concelleiro.
A substitución de Marcos no Grupo Municipal obriga a correr a lista, pois o seguinte, Sergio Romero Lema (número 5) traballa en Salvamento Marítimo do Estado; nun caso parecido a Marcos está en Cabana 6 meses ao ano. De igual xeito, Fernándo Márquez Senande (número 6) aprobou as oposicións a Carteiro e ten destino en Barcelona. En tanto non obteña praza aquí ten que renunciar ao posto de concelleiro.
En reunión celebrada o 24 de xullo, a Asemblea Local de afiliadas e afiliados decidiu que, ante esta situación, sexa Manuel Pose Varela (número 7 na lista) quen pase a ocupar o posto de Concelleiro. Queda agora a xestión diante da Administración correspondente para que tome posesión á maior brevidade. Manuel Pose Varela coida a Granxa Casais, en Meixoeiro, no interior cabanés.