![Foucellas de Talia Teatro]()
O SÁBADO 24 DE FEBREIRO REPRESENTARASE NO CENTRO CULTURAL DE MUROS O ESPECTÁCULO “FOUCELLAS”, DA COMPAÑÍA TALÍA TEATRO
Día e hora: sábado 24 de febreiro, ás 21:30 horas.
Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros
Actividade: Teatro – Talía Teatro - “Foucellas”
O sábado 24 de febreiro, ás 21:30 h, representarase no Auditorio do Centro Cultural de Muros o espectáculo da compañía Talía teatro, “Foucellas”, no que o público adulto poderá gozar durante unha hora e media dun traballo actoral impecable.
Ano 1952. Un maquis, un guerrilleiro, un resistente. Un dos últimos homes do monte. Dos que a xente podía chamar, xenericamente, un ‘foucellas’. Mesmo podería ser o Foucellas. Ou non. Ou si. Quen sabe!
Firmeza, teimosía, dúbida, certeza, lealdade, inercia, utopía, inxenuidade, rebeldía, resignación, adaptabilidade, determinación... as armas dunha crúa batalla dialéctica nun tempo terminal.
Ficción, mito e realidade nunha proposta para pensar un momento histórico... o pulso metafórico sobre un transo co que, privada ou colectivamente, ás veces nos enfrontamos: a xestión da esperanza, a administración da derrota.
O autor e director é Cándido Pazó e os protagonistas Toño Casais, Dani Trillo, Artur Trillo e María Ordóñez. Dani Trillo recibe o premio María Casares 2017 á Mellor Escenografía.
Talía Teatro é unha compañía que nace en Cee en 1988 cun selo propio e orixinal. Os seus espectáculos teñen denominación de orixe e definen un xeito de facer teatro. Hoxe son unha das compañías galegas máis consolidadas e o seu traballo ten sido merecedor de varios premios, entre os que destacamos o de Mellor texto teatral en galego, Premio Max 2012 e María Casares 2012, por Pelos na lingua; os María Casares 2010 de Mellor actor protagonista a Toño Casais e Mellor dirección a Artur Trillo, por Palabras encadeadas; e María Casares 2017 á Mellor Escenografía a Dani Trillo, por Foucellas.
Cándido Pazó é na actualidade un dos mellores dramaturgos e directores teatrais vivos. Comeza a súa andaina como autor e director de escena en 1989 con compañía propia, Tranvía Teatro. Pasa logo a dirixir a compañía Ollomoltranvía e na actualidade Abrapalabra Creacións Escénicas. Realiza ademais direccións, postas en escena e adaptacións para diversas compañías galegas e o C.D.G. Acadando a cotío o éxito no seu traballo. Entre os premios recibidos destacamos o Premio da Cultura Galega, no apartado de artes escénicas, no 2014.
O espectáculo está inscrito na Rede Galega de Teatros e Auditorios e as entradas xa están a venda nas oficinas do centro cultural, ao prezo de 3,50 euros.