Malpica duplicou a súa ocupación turística en agosto


Un dos Concellos que apostaron este verán polo turismo é Malpica. Abría a súa oficina de información turística e organizaba numerosas actividades para os visitantes. E o resultado é que o turismo se disparou no mes de agosto en Malpica, que recibiu o dobre de visitantes que en xullo.
En dous meses, a oficina atendeu a un total de 3.785 persoas. A esta cifra habería que engadir todas as persoas que pasaron pola instalación para recoller rueiros ou folletos informativos pero que non solicitaron información da técnica de Turismo que atende o servizo. En calquera caso, os números reflicten o tirón do noso concello. Agosto é o mes vacacional por excelencia, como demostran as 2.534 visitas rexistradas, fronte ás 1.251 de xullo.
O turismo nacional é maioritario. Madrid é a comunidade de procedencia do groso dos visitantes, seguida de Cataluña, Galicia, País Vasco, Valencia, Castela-León, Aragón e Andalucía. A maioría dos visitantes chegan a Malpica en coche, e en menor medida desprázanse en caravana, furgoneta, autobús, bicicleta e incluso a pé. En xullo houbo máis veraneantes que viaxaban en parella, mentres que o turismo de agosto é máis familiar con nenos. En canto aos visitantes estranxeiros, este verán supuxeron o 12%, e visitáronnos máis en xullo ca en agosto.
Entre os usuarios da oficina de turismo non só se encontran as persoas que se aloxan no noso concello, e que supoñen aproximadamente a metade das persoas atendidas, senón moitas que se atopan de paso ou que veranean noutras vilas galegas pero queren coñecer Malpica. Polo que se refire á información máis demanda, as persoas que visitan o noso concello queren saber que ver, onde comer e que rutas de sendeirismo poden realizar, tanto en Malpica como no resto da Costa da Morte.
A oficina de turismo está aberta de martes a sábados, en horario de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 18.30.
Novas relacionadas
- Xullo 2017: A oficina de Turismo de Malpica recibe unha media de 30 visitantes ao día.
- 2014: Oficina de Turismo: Pechada por vacacións.
- María José Mato: Relacións entre residentes e turistas: a turismofobia.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).