Os Medios en Galego reivindican no Culturgal a trasparencia nas axudas públicas


Estivo no Culturgal o responsable de Que pasa na Costa, Ubaldo Cerqueiro, como vicepresidente da Asociación de Medios en Galego. A entidade acodía por primeira vez como tal á Feira das Industrias Culturais de Galicia co seu posto, e organizaba un debate que se emtía en directo a través da rede.
Xornalistas de QPC Galicia Confidencial, Son Radio Fusión e Valminor.info compartiron unha mesa de intercambio que afondou na necesidade dunha xestión transparente das axudas e cotas de publicidade das administracións públicas nos medios de comunicación. A AMEGA esixe o respecto á lingua do país como vehículo informativo e o cese inmediato da entrega de subvencións por “presunta promoción da lingua galega” ás empresas mediatas monolingües en castelán.

Todos coincidiron en que, a pesar de ter cada día mellores audiencias, de promover que a lingua galega sexa unha lingua útil e nobre, de estar moi ben posicionados en materia dixital, e de ter sido fundamentais na superación da fenda dixital do país, as axudas son cada día menores. “Canta máis audiencias rexistran os nosos medios menos disposición parecen ter en achegar axudas e incluírnos no reparto publicitario”, asegurouse nesta mesa retransmitida por todos os medios de AMEGA en directo dende a feira.
Lembraron que a proposta de modificación da lei de publicidade institucional presentada por AMEGA ao Parlamento de Galicia leva máis dun ano nos caixóns
. Inda o apoio explícito ao proxecto por parte de AGE e o BNG, o restos das forzas políticas non deron ningún paso para avanzar no punto.Reclamaron tamén unha política de investimentos para o conxunto das industrias culturais de Galicia. Un sector que aseguraron, foi dos máis afectados pola crise e os recortes das administracións públicas, cun efecto desbastador na produción cultural e as fontes de traballo.
A mesa finalizou cunha reafirmación dos medios implicados en AMEGA na defensa da lingua do país e do dereito a informar en igualdade de condicións que os medios monolingües en castelán.

A AMEGA

Novas relacionadas
- AMEGA denuncia a exclusión de medios en galego das axudas institucionais.
- Construíndo o futuro dos medios en galego.
- A Amega denuncia a política de publicidade institucional da Xunta ante expertos europeos.
- A Asociación de Medios en Galego reclama máis transparencia cunha proposta de Lei de Publicidade Institucional.
- A AMEGA, en contra da devastación dos nosos montes.
- A Xunta comprométese a traballar coa Asociación de Medios en Galego.
- Un bo ano para os medios en galego.
- A Asociación de Medios en Galego presentouse aos catro Grupos Parlamentares.
- 17 de maio: A Xunta “pasa” do galego.
- En marcha a Asociación de Medios en Galego con participación costeira.
- Nace a Asociación de Medios en Galego coa presencia de QPC.