Venres. 20.05.2022
El tiempo

Free Jazz

MIles Davis Dende moi novo gostei do Jazz. Sempre fiquei fascinado polo ambiente underground que reflectían as imaxes que observaba nas revistas, nos libros... Homes e mulleres negros tocando e bailando en clubes cheos de fume, vasos de whisky, (ou o que fora que beberan naquel momento) pianos, saxos, trompetas... Na retina da memoria aínda cintilea a fascinación da lectura do relato mercado por vinte pesos " El Perseguidor" de Cortázar. Na miña etapa de vivir na cidade, chegou ás miñas mans un CD dunha colección de quiosco de Miles Davis e fiquei atrapado para sempre coas notas que revoluteaban pola pequena habitación de estudante enchendo todo do sabor da historia oprimida da escravitude. Historia oprimida da escravitude porque o Jazz é a música libre que xurde da escravitude. Da necesidade de procurar camiños cara a liberdade. Da necesidade de sentirse libres frente a vida dura, penosa, negada e oprimida que a legalidade, daquela, lles ofrecía. O Jazz é a música máis libre que un pode ouvir. As notas bailan, pintan, soñan, improvisan, voan como paxaros que de súpeto ábrenselle as portas das gaiolas nos que estaban condenados. Non en van, Charlie Parker tiña o alcume de Bird. Charlie Parker que, xunto a outros da época, foron herdeiros do Jazz tradicional revolucionado á música por ese anceio de ser O Perseguidor da nota perfecta, libre, soñadora. E é a necesidade de soñar. É a necesidade de voar por un mesmo. É a necesidade da procura da liberdade, a que fixo (r)evolucionar o mundo frente aos conservadores que tratan de manter o seu Status Quo de privilexio. Sei que sempre haberá persoas que queren cortarlle as alas ás revolucións. Sei que sempre haberá persoas que se consideran co direito de estar por riba doutras persoas. Sei que sempre haberá pobos que se cren coa potestade a estar por riba doutros pobos. Mais tamén sei que sempre haberá persoas que se enfrentarán aos donos do mundo en calquer lugar, en calquer momento da historia, baixo calquer circunstancia... Porque son os anceios de liberdade. De ser. De vivir con dignidade, sen botas que nos esmaguen, O motor que moveu o mundo cara unha sociedade de homes, mulleres e pobos libres e iguais. Igual que aqueles escravos de New Orleans.
  • Alexandre López Romero (Un pai normal e corrente, e as veces ocorrente).
 

Artigos de Alex López Romero

comentarios