luns. 18.05.2026
El tiempo

1ª FUTGAL: Despedida amarga

Foto de Despedida da Esteirana SD-Foto-Esteirana
A familia da Esteirana SD despedindo a Sui e Oli-Foto-Esteirana
1ª FUTGAL: Despedida amarga

Dúas vitorias colleitaron Camariñas e Fisterra para despedir a categoría. O Fisterra volve á Liga da Costa despois de 10 anos, pois a última vez que estivo foi no título que gañou na 15/16, no que foi ademais a despedida de Fran Pequeño, que chegou neste treito final para meter unha man. Mentres, a singradura do Camariñas na 1ª durou unha temporada pero o club ameaza con volver.

Non puido despedirse con vitoria ante a súa afección, pola contra, unha Esteirana que celebrou coas despedidas e homenaxes a Sui e Oli, o final dunha temporada terrible, de graves problemas de lesións tanto en sénior masculino como en feminino. 4 temporadas leva o cadro de Adán, que ten intención de continuar, na categoría.

Ademais, o Castriz, sen nada en xogo, empatou, e o Muxía selou un bo empate ante todo un Calo, equipo de Promoción, coa cabeza posta na final do domingo no Irmandiño ante o Malpica.

Muxía - Calo (1-1)

  • Muxía: Joel, Anxo, Antón, Carlos, Fabián, Manu Martínez, Iago, Julián, Manu Nogueira, Rober e Toja. Tamén: Iván Bouzón, Fran Quintáns, Michael, Alex, Fran Moreira, Víctor Alcaina e Brais.
  • Goles: 0-1, m.33 Brais Bures; 1-1, m.47: Iago Muíño.

Chegaba nervioso o Calo xogándose a promoción, ante un Muxía que saía con rotacións pensando na Copa. Os de Pataca eran dominadores de balón pero un par de erros na saída permitiron ao Calo poñerse por diante.

Na segunda, tras facer 4 cambios o descanso, seguía na mesma liña o partido e os muxiáns, a base de dominar e empurrar, conseguiron empatar e o marcador xa non se movería en toda a segunda metade. Cómpre destacar o debut de Fran Quintáns, xogador cadete.

Esteirana - Bastavales (1-3)

  • Esteirana: Guille, Sui, Godo, Antón, Tobío, Oli, Pachi, Pablo Rama, Anxo, Samu León, Foghete. Tamén: Luaces, Pablo Val, Raúl, Nauzet e Cristian.
  • Goles: 1-0, m.25: Antón; 1-1, m.56: Gabri Mirazo; 1-2, m.64: Iván Señorís; 1-3, m.75: Chenel.

Por fin acabou esta longa temporada para o equipo de Adán. Abondo fixeron coa pandemia de lesións que sufriron este curso. Foi un partido de trámite, pero moi emotivo, polas despedidas de Sui (mesmo sendo pai por terceira vez), e Oli.

Os de Adán fixeron unha boa primeira metade, xogando por dentro e por fóra, pero na segunda notaron moito o baixón físico, e cos cambios para as despedidas, acabaron con varios xuvenís no campo sufrindo moito nas segundas xogadas. Con todo, o futuro do club está servido.

Vizoño - Castriz (1-1)

Plantel do SD Castriz 25-26

  • Castriz: Coke, Fabián, Samu Castro, Saúl, Marcos Mouro, Rodo, Fabio Blanco, Adrián García, Alemán, Charli e Juanjo. Tamén: Alberto Mata, Luís, Fabio Barbeira e Brais.
  • Goles: 0-1, m.24: Alemán; 0-2, m.65: Fabio Blanco; 1-2, m.76: Jesús Ois de chilena espectacular; 2-2, m.85: Alex Miranda.

Gran primeira metade dos de Barca, sen tanta presión polos puntos, xogando ben e facendo moito con Fabio e Charli por bandas que eran auténticas dagas. Ademais do gol de Alemán, tiveron un tiro de Fabiño ao longueiro, e varias internadas. Ademais o Vizoño nin tirou á meta de Coke.

Esperou algo máis atrás os xalleiros na segunda, que roubaban e transitaban, cun Fabiño espectacular que mandou outro ao longueiro como prefacio para o seu gol. Estaban sendo moi superiores os xalleiros, tendo unha xogada de Rodo ao pau, estando máis preto o 3-0 que o 1-2, pero fixo mella a relaxación e o Vizoño comezou a apretar e conseguíu meterse no partido cunha chilena tremenda, e a 5 do final acadaba o empate.

Camariñas - Cacheiras (1-0)

  • Camariñas: Pablo, Alejandro, Borja, Oliver, Pablo Suárez (Pablo González), Moriño, Víctor, Pablo Carril (Fabio), Adam (Camilo), Mario, Saúl (Iago).
  • Gol: 1-0, m.8: Saúl encara, regatea ao porteiro e marca.

Último partido da tempada con 8 xogadores senior e 7 xuvenís no cadro de Pepucho e Faus (pola sanción a Juan Cabrejo). Moi bo partido dos encaixeiros que abrían o marcador moi pronto cun balón ás costas que aproveitaba moi ben Saúl. Estaban ben armados os locais, sen permitir ocasións, e buscando a velocidade de Mario ao espazo, e nunha desas forzaba a expulsión dun defensa.

Na segunda os visitantes endureceron o partido, cun codazo a Mario, que responde acabando os dous na bancada. Aínda o xuvenil Pablo González recibía o segundo cartón e os dous equipos acababan con 9, e así esmoreceu o choque.

Fisterra - Rac. San Lorenzo (2-0)

  • Fisterra: Joselu, Mateo, Colombia, Piti, Lois, Noé, Rui, Dani, Quintela, Eze e Isaac Fábregas. Tamén: Rubén, Maikel, Alberto, Ángel e Pablo.
  • Goles: 1-0, m.9: Dani; 2-0, m.13: Lois de penalti.

Ultimo partido do Fisterra en Ara Solis

Partido de tramite para despedirse da categoría e da dura temporada o Fisterra en Ara Solis, con moitos xuvenís no campo e a cabeza posta no curso que vén.

Todas crónicas da 1ª FUTGAL

Máis info

Comentarios