Sábado. 24.10.2020
El tiempo

No fío da atención telefónica

No fío da atención telefónica

Desde que comezou a crise (non só sanitaria) do COVID-19, a suxerencia de atención recomendada dende a institución SERGAS foi a de priorizar a atención a través do teléfono e só ver presencial ao “imprescindible”. Desde os centros, nun compromiso de axudar a non espallar o novo microorganismo (que veu para quedar), intentouse iso e foron meses duros no senso dun cambio de paradigma a executar de inmediato. Agudizamos a arte da anamnese ata o infinito para filtrar aquilo que tiña urxencia ver como presencial do que non. Tras saír da consulta, unha remoía e mesmo non durmía ás noites pensando en se aquela dor de Manuela sería algo grave… e chamábaa en 24-48 horas… e ambas respirábamos.

Pasaron os meses e o protocolo dende arriba non cambiaba pero unha (internamente) e as/os usuarias/os (externamente), reclamábamos e reclamamos máis asistencia presencial (de calidade). Así que, desde entón, a rutina diaria vén sendo a de amorear 45-55 consultas na listaxe de cada día sumando telefónicas (que acaban dobrándose cunha presencial xa na maioría dos casos), presenciais programadas, incidencias diarias/urxentes que vaian xurdindo xa de si sumadas ás causadas por listas de espera con demora, peticións de PCR, baixas, receitas…, e domicilios programados que o equipo do centro quere retomar para volver a acompañar a doentes fráxiles. E se a iso lle sumas a non substitución 100% das ausencias… vémonos inmersas/os nun ritmo insustentable.

E mentres levas xa tempo remexendo en pensamentos de “isto non ten xeito”, acaba nos teus ollos este titular da Voz de Galicia: ”Las consultas telefónicas enfadan a los pacientes y los médicos las defienden”.

Máis alá xa do que diga a noticia posteriormente, éntrame a xenreira, paréceme un insulto á intelixencia. Que médica/o (e menos de cabeceira) pode defender/priorizar (así de xeito tan xeneralista como a do título) unha consulta a través dun fío telefónico sen ver á persoa diante? Quen, por Deus? Logo da rabia inicial, vén a reflexión: témome que sexa outra manobra máis para que a pelexa sexa entre profesionais e usuarias/os… unha e outra vez.

O bonito da profesión médica e sumamente preciso para que a relación médico-doente sexa fructífera é poder ver ás persoas cara a cara. Mirarlles aos ollos, escoitalas con todos os sentidos, pórlles o fonendo enriba e/ou apalparlles o abdome,… Nunca se vai ter iso a través dun teléfono ou dunha máquina. Vamos, obvio. Mesmo non se pode dar o resultado dunha análise a un señor que non escoita ben ou non se sabe con exactitude como toma as medicinas a través dun teléfono.

Levaba xa un mes desde a noticia con isto dentro, queréndoo berrar. Pero ás veces hai que deixar repousar as cousiñas e vai a vida e dáche o empurronciño coas vivencias.

Tarde de conversa cun médico co que quedas abraiada coa sabedoría que ten. Un médico que sabe absolutamente todos os detalles dos fármacos e a forma de administración nunha sedación (co cando e o por que incluídos con precisión) pero tamén o contexto familiar e social no que traballa desde unha mente filosófica e reflexiva ao alcance de moi poucos; e incluso a historia do concello no que traballa. E queres verte así nun espello. Conversas que acaban falando da importancia da anamnese, que inclúe as verbas emitidas pola persoa que tes diante pero tamén a maneira que ten de entrar na consulta ou incluso de camiñar (ou sexa, evidente, dentro dunha atención presencial); e da exploración física: vendo, oíndo, apalpando, sentindo. Libros sobre exploración física como o Mosby, Diagnóstico Físico-Secretos, Evidence-Based Physical Diagnosis,…

E voume á casa acordándome daquela rotación de 2 meses nun consultorio rural en Asturias no que a médica tiña un número de pacientes/día que lle permitía ter tempo a percatarse de case todos os detalles… Poder pararse o suficiente con cada persoa sen pensar en todas as que quedan na lista… Programar domicilios todos os días para os pacientes dependentes… Saír da consulta coa sensación de que a capacidade de erro non era tan alta como cando unha leva o ritmo que levamos agora nós… Todo iso mesturado con ganas de seguir unha formándose como persoa e profesional. E déitome esperanzada e érgome cunha mensaxe:

[email protected] doentes,
Polo menos eu, prefiro/quero atendervos en persoa. Que coa crise do COVID se propuxera un filtro a través do fío telefónico para programar e espaciar ás/aos usuarias/os que veñen aos centros, non quere dicir que perdamos a lóxica nin a esencia na nosa práctica médica.

 

Novas relacionadas

Artigos de Alicia Barreiro Cambeiro

Outras novas

comentarios