Mércores. 03.03.2021
El tiempo
Anabel Piñeiro
09:25
08/02/21

Faltar tres días ao traballo

Faltar tres días ao traballo

Considérome unha persoa moi afortunada, podo dicir que levo case 20 anos traballando tanto no sector público coma no privado. No meu primeiro traballo, mentres cursaba 4 º curso da Licenciatura de Ciencias Políticas en Compostela, recordo que durante uns meses traballaba en Cee entre semana e subía as fins de semana (catro horas de traxecto en autobús por Muros e Noia coas rápidas conexións do transporte público na Costa da Morte) para coller os apuntes e non perder o fío.

O segundo traballo foi grazas a aquela fantástica iniciativa da Xunta de Fraga chamada Plan Labora e desde esa fun enlazando proxectos traballando na Administración Pública con alcaldes e alcaldesas de todas as cores políticas.

Nestes anos nunca se puxo en dúbida a miña adicación ao traballo, estou segura que cometín moitos erros, como calquera traballador ou traballadora, pero sempre tentei axudar en todo o que puiden porque me gusta o meu traballo, gústame traballar en proxectos que axudan a mellorar dun xeito ou outro o territorio no que temos a sorte de vivir porque diso trata o desenvolvemento local e ese é o meu traballo, son axente de emprego e desenvolvemento local. Incluso cando o nome do posto non coincida con esta denominación esa é a miña vocación, tanto traballando nunha asociación empresarial como acadando que un Obradoiro de Emprego poida levar a cabo traballo a nivel internacional potenciando o Camiño a Fisterra e Muxía desde Italia.

Pero esta semana a COVID achegouse a miña burbulla familiar e non puiden asistir ao traballo durante TRES días nos que teletraballei desde a casa. (Sobra dicir, que dada a situación que estamos vivindo, as miñas vacacións do ano pasado, paseinas traballando no Concello). Este xoves esperto coa menxase de que o meu nome saíu no Pleno extraordinario do Concello de Muxía porque polo visto, a axente de emprego e desenvolvemento local, Anabel, non atendeu a unha veciña en tres días.

Non lle din maior importancia ao asunto, pero espertar este sábado coa mesma nova no periódico e recibir chamadas de compañeiros e compañeiras preguntando pola nova xa revasou un pouco o límite. Entendo que a función da oposición nun Pleno o control e a fiscalización e a do goberno facilitar información e que é lóxico que o traballo se mire con lupa porque os fondos públicos cada vez son mais escasos e hai que vixiar que todo funcione. Pero neste caso, e dado que a nova publicada na Voz de Galicia non aclara a realidade do asunto tócame a min dicila. Por sorte o motivo que me fixo permanecer tres días na casa tivo un bo final, polo momento , PCR negativa e a miña pequena burbulla a salvo polo momento.

Pois o dito, tratarei de seguir facendo o meu traballo o mellor posible ou polo menos intentareino, seguirei atendendo como ata agora, presencialmente, sempre que se poida, telefonicamente ou por correo electrónico. Tamén responderei, como ata agora, as consultas feitas a través do facebook da axencia de emprego.

Gustaríame que con isto quede todo aclarado porque creo que hai temas moito mais importantes nestes momentos que o de que alguén teña que faltar tres días ao seu posto de traballo.

  • Anabel Piñeiro.

comentarios