Venres. 19.04.2024
El tiempo
09:00
02/09/11

Agora que sabemos a verdade

Agora que sabemos a verdade

Os últimos días están sendo moi reveladores. Sobre todo para persoas coma min que dedican o seu tempo e esforzos, públicos e privados, a tratar de facer ver ós demais unha realidade que é a que é. Unha realidade así, en grande, sen esquinas, aberta e franca. A realidade dun lugar, un país, unha sociedade, enferma, cansa, esgotada de si mesma. Unha sociedade que non pode confiar nos seus gobernantes, nas administracións que a tutelan. Unha sociedade cunhas bases febles, sen alicerces sobre os que asentar ningún futuro e que fai auga por tódalas cadernas.

A última verdade manifestada como certa é esta que di que a Constitución é probablemente o documento máis baleiro e inútil de todos os que nos rexen como país. Aquel texto monolítico, granítico, inviolable, que para ver incluída unha coma no seu enunciado necesitaba de pouco menos que un acto divino resulta que, agora, por arte de Standard&Poors e do BCE, se cambia a vontade e sen necesidade de nada máis que unha aperta de mans e, como di Fran Hermida, "un boli bic".

Lonxe quedan as frases lapidarias “la constitución que nos hemos dado”, “el marco por el cual nos regimos los españoles”, etc,etc… Lonxe quedan “os profundos e loables consensos da transición” e toda a retaila de bobadas e contos cos que PSOE e PP xustificaron a maior patraña da historia política recente na España da democracia, ese conto de vellas que é a transición política Española, substanciada nuns consensos que os mesmos, socialistas e neofascistas se veñen de pasar polo forro para acordar, sen consenso ningún con ninguén, que a Constitución merece o mesmo respeto que se lle presta a algún dos seus artigos. Ningún.

Mentres seguimos camiñando paseniñamente cara o desastre iremos vendo como outras verdades fundamentais se seguen manifestando evidentes e dramáticas diante dos nosos fociños. Nada de democracia, nada de vontade popular, nada de consulta as maiorías cando as maiorías non se manifestan como nós. Nada de pluralidade nacional, nada de respeto polas identidades das rexións e nacionalidades “que componen ese crisol que llamamos España!” Nada de nada.

Nada de políticas sociais, nada de educación e sanidade gratuítas e universais (xa non o son, pero aínda o serán menos) nada de axudas as minorías. Nada de cultura de masas, nada de fomento do I+d+i máis jota. Nada de nada.

Moito, todo, de utilitarismo, moito de tanto tes tanto vales, moito de clasismo, moito de apertar o cinto salvo que un vaia en Audi con chófer cobrando 5000 € o mes por nada, moito de decisións para beneficiar o sector financeiro, moito de prohibir partidos por terroristas pero non por xenocidas confesos, moito de perdoar mentres se apuñala por detrás, moito de defensa dos delincuentes que se sentan nas poltronas. Moito do mesmo que ata o de agora nos dá náuseas só a algúns.

Seguimos, paseniñamente camiño de evidenciar a verdade como única e certa. Pero tranquis, sen presa. Só son catro “perroflautas”.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información e contacto

Verdades anteriores

Comentarios