sábado. 10.05.2025
El tiempo
09:27
23/07/10

Deberes

Dentro da longa lista de erros que a Costa da Morte comete habitualmente como conxunto de individuos baixo unhas mesmas circunstancias, hai un que, despois de darlle moitas voltas, prevalece na miña opinión por enriba dos demais. Un erro estratéxico que lastra calquera outra empresa que se decida a acometer e que, creo eu, imposibilita de base calquera avance presente ou futuro. De feito, este erro, costume ou uso habitual, chamádelle coma vos pete, lévame a afirmar que non penso participar no futuro en debate algún sobre asuntos xerais de interese para a comarca senón se subsana esta eiva de xeito definitivo. Que ninguén conte comigo para debater sobre nada mentres o debate non se sustente en cifras, datos e balanzos claros e científicos, obxectivos e independentes. A ver, ¿cal é o PIB da Costa da Morte? Partindo da base de que non somos capaces nin de acordar que é e que non é Costa da Morte, se nalgún momento, finalmente, foramos quen de decidilo e delimitar o territorio non custaría tanto sabelo pero ¿sabémolo agora? Non. Polo tanto ¿que peso real ten o turismo na economía da Costa da Morte? Calquera inspirado que se aventure a afirmar que moito ou pouco non deixa de ser un ignorante desinformado, coma pouco. O non saber canto producimos e de onde procede cada céntimo do que producimos calquera, repito calquera, pode dicir o que lle pete e, para min, ten o mesmo grao de credibilidade. Por exemplo; mañá o presidente de Neria afirma que o turismo é clave económica do crecemento da comarca e, para min, ten o mesmo valor que se o que reparte o butano afirma que non, que o peso principal na economía da comarca é o do sector industrial. E igualmente pesará o mesmo que se a señora que vende medias e roupa interior considera que o sector servicios significa máis do cincuenta por cento do peso económico. Ningún dos tres ten nin idea do que di, e non se sustentan en dato real algún. Sabida esta verdade pregúntome ¿en base a que argumentos e datos reais e contrastados se toman decisións estratéxicas para o noso futuro? ¿Como se decide en que investir, que liñas son as adecuadas para obter os maiores beneficios do noso esforzo conxunto coma colectivo? Xa resposto eu; tururú!!! As decisións se toman en base ao incremento na inxesta de alcol nos corpos dos nosos dirixentes, en ausencia de criterios lóxicos e equilibrados e en total ausencia de cifras que avalen unha decisión en detrimento de outra distinta. Con un viño todo parece difícil e complexo, a partires do quinto o ceo é o limite para os nosos dirixentes. Incluso en ausencia do deus Baco as decisións carecen de datos que as substenten. ¿Por que é primordial investir cartos en turismo? ¿Resulta rendible o Camiño de Santiago a Fisterra e Muxia? ¿Cantos cartos, directos e indirectos, produciu dende a sua posta en marcha? ¿Que respercusión, en número de visitantes confirmados tivo no total de visitantes que a bisbarra acolleu dende a sua posta en marcha? en serio ¿hai alguén que poida dar un dato que non se substente en que “unha señora me dixo...” ou “o fulano que dirixe aquel hostal en tal sitio afirma...”? ¿Cantos cartos se teñen dedicado a actividades turísticas na bisbarra na última década? ¿Cantos se obtiveron directamente, cantos por medio de subvencións ao sector, ou a entidades vencelladas co sector? ¿Cantos deses cartos retornaron en forma de beneficios o sector? Misterio... Mentres os grandes debates das nosas vidas, eses que impiden que saibamos cal será  o noso mañán, mentres o debate sobre a condición de cidadán, o sistema político, o sistema financeiro, mentres nos furtan e disfrazan os principais debates das mans para que sigamos enredados en tonterías sen fundamento como ¿cantos cartos ten recibido Neria dende a súa fundación? e en definitiva ¿onde está o resultado deses cartos en cifras reais de negocio? Mentres perdemos tempo e oportunidades de que todo isto continúe sendo un mundo en paz, na Costa da Morte tomamos decisións estratéxicas de futuro en base a quen estaba mais borracho ou quen era mais delincuente no momento de tomar a decisión que corresponda. Por resumir, antes dos merecidos días de descanso agostino... ¿alguén preguntou algunha vez á Costa da Morte (sexa esta a que sexa) que quería facer da sua vida? ¿Alguén sabe algo de verdade e non “de oídas”? Partamos de aquí, e xa veremos onde chegamos. Estamos moi verdes. Necesitamos deberes para o verán.
  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información e contacto

Novas relacionadas

Verdades anteriores

Comentarios