sábado. 10.05.2025
El tiempo
14:54
11/10/10

Falta de valentía

Falta de valentía
Hai uns días armouse unha boa na Costa da Morte a raíz dunhas declaracións do tertuliano da SER, Antón Losada. Reflexionaba éste sobre a idoneidade de facer en tempos de crise un investimento como o da autovía Coruña-Berdoias. Esa estrada que o PP vai bó de pregoar que grazas a eles está desbloqueada, que xa lle deran o empurrón definitivo (non sabemos en qué dirección…). Sarta de mentiras e a xa manida alusión a que todo é culpa do bipartito, ese goberno que grazas a súa presenza en San Caetano durante tres anos e pico, xustifica todos os dislates dos populares. Ás veces teño a impresión de que o PP gobernou tres anos e os outros vintetantos o bipartito, habida conta das culpas acumuladas. Entendo os motivos de Losada. Somos un país moi afeito a limitar o progreso e as inversións ao cemento e o pichi. Estradas son sinónimo de benestar, de progreso. Semella que non precisamos nada máis, e na nosa bisbarra, posiblemente, precisamos inda de todo. Nuns momentos de apreturas como estes, hai que pensar as cousa. Dito isto, quero matizar unha cousa. A autovía (e a ver se deixamos de xogar cos termos, que sospeito que nos queren facer unha macrocorredoira), é absolutamente necesaria. A comunicación actual entre a Costa da Morte e A Coruña é obsoleta, perigosa, lenta e un auténtico atraso. Pero entendo que algunha xente quera reflexionar sobre os gastos nestas épocas de problemas financieiros. Agora ben, boto do menos un Antón Losada máis valente, denunciando que nun país coma o noso fagamos portos como o de Punta Langosteira, propios de países onde non hai rías profundas que abriguen de xeito natural aos barcos. E non contentos co gasto, facemos dous, un a carón do outro. Un Antón Losada denunciando un país onde temos tres aeroportiños en 150 quilómetros e non contentos con iso, gastamos cartos e remodelar os tres a un tempo… Porque a valentía é un valor que se agradece, pero sempre me gustou a xente que desafía aos grandes, ao poder. Porque ser implacable cos pequenos por medo aos grandes é pura cobardía, e Losada, desta vez, decidiuse a ir de fronte contra un puñado de cidadáns que lle austan menos que enfrontarse A Coruña ou Vigo.
  • P.D.- Noraboa a La Voz de Galicia. O conto diario sobre a fusión das Caixas fai que ás veces ata me crea que realmente as cousas son tal e como fabulan eles. Porque está claro que os datos reaise o resto da prensa non lle poden estropear unha historia tan bonita que lles tería gustado que sucedese.
  • Fran Hermida ( franhermida@quepasanacosta.gal).

Entrevista con Fran Hermida

Outros artigos Sen xeito

Comentarios