Sábado. 20.04.2024
El tiempo
09:30
04/02/12

Finisterrae (VII). Lendas e tradicións. O Apóstolo e as cidades "asolagadas ou alagadas"

Finisterrae (VII). Lendas e tradicións. O Apóstolo e as cidades "asolagadas ou alagadas"

Recuperamos os artigos de José Antonio De la Riera sobre o Camiño de Santiago no seu último treito entre Santiago e a fin do mundo. Utilizamos de novo estes artigos do ex Presidente da AGACS, un dos grandes valedores históricos do Camiño, para facernos recapacitar sobre o tesouro que temos na bisbarra e que non acabamos de coidar.

De la Riera afirma que esta serie é unha mostra, a mostra do que a historia, a tradición e a lenda deixou nunha comarca apaixonante, a Costa da Morte. Só a partir do que se vai contando aquí poderase entender o da petición á UNESCO da declaración de Patrimonio da Humanidade para esta prolongación xacobea histórica e indiscutible.

Finisterrae (VII). Lendas e tradicións. O Apóstolo e as cidades "asolagadas ou alagadas"

Duio: "En Galicia, xunto á nosa Señora de Finisterrae, onde había un templo o máis antigo de España, ao que chamaron os xentís Ara Solis e aos cimentos dunha cidade que se chama Duio, e á poboación que agora ai conserva o mesmo nome, na cal habitaba rei da Provincia, como afirma o santísimo Pai Calixto II" (Mauro Castellá Ferrer, 1610).

"Ide, dixo Lupa; buscade ao rei que vive en Dugium e pedídelle un lugar para dar sepultura ao voso morto" (Codes Calixtinus, Libro III).


- "¿Boa muller, como se chama esta aldea?"
- "Señor cabaleiro, isto non é unha aldea, isto é unha cidade, isto é Duio" (George Borrow, A Biblia en España, entrada a Finisterre por Langosteira).


Cando o peregrino pisa a mítica praia de Langosteira e divisa ao fondo o enorme promontorio Nerio, o cabo Finisterre, vai deixando ao seu paso San Martín e San Vicente de Duio. Aquí sitúa o arqueólogo Luís Monteagudo o gran Portus Magnus Artabrorum, segundo as coordenadas de Ptolomeo e aquí estaba a súa cidade, Dugium. O peregrino vai pisando sobre ela.

Pero oiamos á tradición, aos vellos: "Eiquí houbo unha grande cidade corrompida. Chegou o grande emperador Carlomagno, un grande rei cristián, e quixo convertila pero non puido pola grande maldade que tiñan, e o emperador marchou descorazonado, e antes de ir voltou a faciana a cidade e dixo: ¡Cidade Petrónica, Deus che convirta, eu non podo". Ao día seguinte a cidade amenceu sepultada.

Outra versión (son infinitas na zona) fala da presenza en Duio do Apóstolo antes da súa morte, durante a súa predicación en Hispania. Pero os seus esforzos non logran aplacar a aqueles pagáns que proseguen co seu culto aos deuses solares e ignoran a cruz. Desanimado, Santiago pídelle ao Señor que faga desaparecer baixo as augas a aquela cidade para sempre. De aquí Santiago marcha a Muxía, onde apareceráselle a Virxe.

Cidades "asolagadas"! A Limia (Antioquia), Dugium... todo no Finisterrae ("asolagamiento" de Duio incluído) reflicte a extrema dificultade da relixión cristiá para introducirse nesas paraxes e entre esas xentes. Xa falamos dos desembarcos sucesivos dos primeiros espadas da relixión cristiá na rexión, tan vinculada ás crenzas ancestrais e a un mundo de ultratumba que, a pouco que se observe, segue a flor de pel. Toda a mitoloxía da Europa atlántica reflexa lendas referentes ao cabo do mundo por inundación. Na tradición escandinava de Ragnarök os deuses baixan a combater con xigantes e entón o mundo dos vivos é feito desaparecer pola crecida dos mares.

Lendas, mitos... ata que uns cantos soñadores (Esmorís Rocamán, Monteagudo), clavaron a pica en Langosteira: a corenta centímetros apareceu a primeira calzada romana, as primeiras vivendas, enterramentos con tezas planas... Dugium. Un dos alcaldes con máis visión que un coñeceu, o que foi alcalde de Fisterra, Ernesto Ínsua, bateu corredores e antesalas en busca dun soño: diñeiro para escavar en Duio. Pero na Galicia dos mil castros (con só uns vinte malamente traballados) non sei está por iso. Pero virán outros tempos e outras xentes. Mentres tanto Dugium dorme baixo o paso dos peregrinos. Pero estes deben saber por onde van os seus pasos, por iso o contamos.


Pero hai máis, moito máis na Costa da Morte, onde a sombra de Santiago faise presente a cada paso. Nas lagoas de Traba sitúase outra cidade "asolagada" fortemente vinculada á predicación do Apóstolo Santiago: Valverde. A lenda, recollida no lugar de Mardomo, ao pé da lagoa, e transmitida de pais a fillos, di así, con toda a inxenuidade e a frescura de quen a viven como algo propio: "Andaba o Apóstolo por estas pobres terras, predicando sen éxito por todo o val. Como ninguén lle facía caso púxose a orar, rogando a Deus e á súa nai que lle dese forzas suficientes para converter a esa cidade de Valverde, tan hostil e ruin á palabra de Deus. O Señor, como non atopara en Valverde ningunha persoa que quixese coñecer a Deus nin recibir o Santo Bautismo, maldixo á cidade que quedou mergullada baixo as augas do lago" (Recollida por Xosé María Lema e Eva María López Añón).

Traio aquí estas vellas historias precisamente para que non se perdan, é moi posible que cando todos os vellos partan só quede un rumor remoto, como o mesmo mar. Pero aí están aínda, para o que queira oír. E ocupámonos moitísimo de que os que veñan detrás as teñan presentes, ata agora mesmo, en certos anoiteceres, moitas almas seguen oíndo, desde as profundidades, as campás de Duio, de Valverde, como unha chamada remota. Que ninguén esqueza, Dugium, Valverde, tamén son vosos, sobre todo vosos.

Tremendas dificultadas, lendas e tradicións que nos falan dun Apóstolo abatido, loita a brazo aberto contra uns deuses arcanos, lume nos montes, lume nos fachos, lume nos corazóns, "Reyes, Bispos e Presbíteros afastan a todos destes lugares, baixo pena de excomunión". Recordade, a amenazadora inscrición do Pindo segue presidindo todos os ocasos baixo a pedra amedrentada polo gran astro que se pon ao mar de occidente.
Lendas, tradicións, soños, emocións dunha terra que se empeza a abrir ao mundo grazas a unha autoestrada de terra balizada con balizas amarelas. Pero seguimos, aínda hai emocións fortes e Santiago axuda. Que Santiago? Pois o meu, cada un ten o seu, é un dos privilexios de camiñar en liberdade. Pero iso xa o sabedes.

  • José Antonio de la Riera.

Terminar o Camiño no Mar

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios