Xoves. 25.04.2024
El tiempo
10:29
23/12/11

Fonógrafo

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Fonógrafo

  • Inventor: Thomas Alva Edison (1847 - 1931)
  • Cronoloxía: 1890 - 1891
  • Clasificación: Obxectos educativos / Instrumentos científicos / Sección: Acústica

Descrición e funcionamento

O fonógrafo de Edison consta esencialmente dun cilindro rexistrador de cobre, disposto horizontalmente e sostido por un eixo rematado nun manubrio. O cilindro, cunha superficie que presenta unha ranura helicoidal, pode moverse mediante o paso de rosca ou parafuso aberto nunha extremidade do eixo, xirando e avanzando ó mesmo tempo.

Este aparello, inventado por Edison no ano 1877, rexistra primeiro, e logo reproduce, os sons musicais e a palabra articulada emitidos diante dél.
Sobre o cilindro metálico, que presenta unha regaña helicoidal, adáptase unha folla de papel de estaño ou cobre. O son que se quere gravar fai vibrar unha membrana, situada no fondo da embocadura cónica, e ésta un punzón que deixa a súa pegada no papel metálico. Se despois colocamos o cilindro na súa posición inicial e o facemos xirar, reprodúcense na membrana os sons inscritos que, xeralmente, se amplifican cunha bocina.

O aparello vai montado sobre unha base de ferro.

A súa grande vantaxe con respecto ós outros métodos gráficos, é que a curva ou debuxo que representa estes sons pode utilizarse logo para a producción de outros que imitan os orixinais con admirable fidelidade.

O fonógrafo é o precedente do gramófono e do tocadiscos, sistemas usados ó longo do século XX para escoitar música.

O inventor

O estadounidense Thomas Alva Edison foi un dos inventores que máis contribuíron a modificar a vida do home moderno. Os máis de 1000 inventos que patentou transformaron de xeito drástico as costumes e habitos de consumo das sociedades industrializadas. Do mesmo xeito, Edison foi unha figura clave na consolidación da nova investigación tecnolóxica.

Investigador incansable e inquieto, traballou en campos tan diversos como a óptica, a acústica ou a electricidade.

A lámpada de filamento incandescente é quizais o invento que máis celebridade otorgou a Edison. A súa fabricación masiva permitiu abaratar de forma considerable a obtención de luz.
Dende 1889, Edison interesouse cada vez máis polo cinematógrafo. Usou unha tira de película do tipo Eastman, substituíndo a ríxida peza de cristal clásica por unha película flexible, sobre cuios bordes aplicou unhas perforacións que permitían que varias rodas dentadas a fixesen xirar a suficiente velocidade para facer imperceptibles as discontinuidades entre fotografías.

Creou tamén unha película sonora experimental na que a imaxe estaba corrdinada co son dun disco fonográfico. Máis adiante, no 1912, publicou na revista Scientific American unha descrición da técnica Kinemacolor; o invento permitía obter unha imaxe animada con cores naturais reproducidos fotográficamente. Agora ben, tan importante como os seus inventos foi a actitude que Edison asumiu frente á invención tecnolóxica. Él representaba a unha nova xeración de investigadores que desprazaron ós vellos inventores mecánicos dos séculos XVIII e XIX. Esta nova actitude frente a invención técnica levou a Edison a crear, en 1876, o primeiro laboratorio de investigacións industriais, precursor dos modernos centros de experimentación tecnolóxica, organizados en torno a equipos de científicos, técnicos e especialistas.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios