xoves. 05.06.2025
El tiempo
12:19
30/12/10

Hoxe: Na procesión (Fisterra, 1963)

Hoxe: Na procesión (Fisterra, 1963)
Procesión do Xoves Santo fisterrán: recollemento, emoción, fe, sentimento, esmero, fervor, paixón, maxia, penitencia. Recollemento. Pepiño encabezaba a procesión con cara de malas pulgas. Estreaba ese xoves o novo uniforme de monaguillo, que máis ben semellaba de xigante ou cabezudo, porque sobraba tela por todas partes. A cruz pesaba o seu, e Pepiño só podía usar unha man para levala, necesitando a outra para subirse o faldón e evitar pisalo. Un recollemento  continuo  do traxe que deixaba baldado ó rapaz, pois a penas podía soster o gran crucifixo que abaneaba dun lado a outro para desespero do cura que viña detrás. Emoción. "Que se cae, que se cae..." pensaba o cura don Bautista mirando as preocupantes oscilacións do crucifixo. Acercándose ó monaguillo por detrás, díxolle con brusquedade : "A ver rapaz, atende á cruz dunha vez que aínda vas facer un estropicio". Durante uns metros Pepiño agarrou o metal con ambas mans, pero un aparatoso tropezón coa falda fixo que a cruz se lle fora cara a parede dunha casa onde colgaban uns cables da luz. "¡Pepiño, coidado, que aínda te vas  electrocutar!". A procesión estábase convertendo nalgo demasiado emocionante para don Bautista, xa só pendente dos avatares da cruz. " ¡E agora leva o Cristo mirando para atrás! ¡Este rapaz é subnormal!  A mín vaime dar algo...". Fe. Carlos era un dos oito porteadores que levaba a Virxe dos Dolores. Pero o único dos oito ó que se lle ocurreu usar sandalias ese día. Aínda que en abril todavía, a temperatura era case veraniega, e Carlos pensou que para ir cómodo e preparado ante a sudorosa faena que lle esperaba, non era mala idea levar unhas sandalias novas que deixasen transpirar a gusto os pés. Pero non contaba coa mala fe dos rapaces de Mallas. Tódolos anos facían algunha falcatruada, e xusto ese xoves déralles por poñer ortigas entre as flores e follas que alfombraban o chan fronte ó concello. Pasou por alí a procesión e o pobre Carlos pisou con garbo sen saber da trampa. Dende ese momento ata o remate na igrexa vivíu un auténtico calvario polo picor insoportable nos pés, que por suposto non podía rascar. Aguantou estoicamente as dores  e ninguén reparou na súa faciana bermella nin na case inaudible frase que saía sen cesar dos seus beizos: "Cando os colla.... cando os colla...". Sentimento. Como cada ano dende había sete, a procesión paraba baixo a fiestra da casa de Antúnez, un malagueño saleroso que en cada semana santa deleitaba á concurrencia cunhas impresionantes saetas. Mágoa que os meses precedentes foran unha nefasta tempada para Antúnez, que perdera muller e fillo nun accidente do coche de línea e se abandoara dende aquela ó alcol. Sen embargo, ninguén sospeitaba que o descontrol chegara a tanto: Pedro Antúnez asomou á ventá, manifestamente borracho, e comezou a cantar "Me asomé a la verja", unha copla desvergonzada e pornográfica que provocou de inmediato un sentimento de bochorno colectivo, actuando esta sensación coma un propulsor na comitiva, que arrancou a desfilar aceleradamente para afastarse de alí. Esmero. Os veciños e veciñas, sobre todo elas, cantaban con esmero os sucesivos cánticos que alternaban coa música da banda da OJE. Podíase comprobar fácilmente como existía unha auténtica competición entre algunhas mulleres, desexosas de exhibir as súas dotes de soprano. Así, era habitual que tras unha canción con lucimento de Carmiña do Troel, a súa eterna rival Margarita Castro comezara outra peza das que ela dominaba, arrastrando así a tódolos asistentes á procesión a unha interminable cantarea que deixaba a moita xente afónica por varios días. Fervor. Ricardo dirixía a banda da OJE de Betanzos. Era a primeira vez que actuaba nunha procesión de Fisterra e o seu malhumor ía en aumento a medida que a competición das veciñas cantoras impedía que a banda tocase. Por tres veces levantou a man para sinalar o inicio da interpretación, pero as tres veces se lle adiantaron as mulleres. Ricardo fervía e pasou á acción: desexoso de apagar durante un extenso tempo as voces retadoras, ordenou tocar "O sitio de Zaragoza" na súa versión extra-longa, causando a perplexidade da concurrencia, extrañada pola inoportuna elección dunha composición bélica como música de fondo nun acto relixioso. Paixón. Xa era noite e as velas iluminaban as ringleiras dos parroquiáns. Agora pasaban á beira da casa de Carmela do Conde, que tiña a roupa colgada de ventá a ventá. Foi unha tentación irresistible para Anita Lojo. Era de dominio público que o seu marido se entendía con Carmela, e a pesar das advertencias que lle fixera ao seu home, tan só conseguira que os amantes extremaran as precaucións nos seus encontros. Agora vía unha oportunidade de vinganza ante esa paixón amoral; Anita esperou a pasar baixo un bonito vestido que colgaba da corda co resto da roupa de Carmela e levantou o brazo movendo a vela como saudando a alguén. O resultado foi o perseguido (o precioso estampado tiña agora queimaduras horribles) e o xesto de Anita pasou desapercibido. Maxia. Na cola da procesión, un cento de homes desfilaba silencioso pechando a comitiva. Curiosamente, e como por arte de maxia, o número de varóns ía  baixando a medida que o cortexo se acercaba á igrexa. Cada vez que pasaban por diante dun bar, a porta pechada e as persianas baixadas, unha ducia de homes quedaba rezagada con disimulo para logo perderse na taberna. Para cando chegaron ó templo parroquial, tan só resistían na procesión unha decena de fieis, nunca mellor dito. Penitencia. Eduardo portaba o Cristo crucificado. Xusto detrás del colocara Delmiro ó seu fillo Nicolás, un rapaz cun leve retraso ó que seu pai quería cumplirlle un fervoroso desexo, que non era outro que levar o Cristo. Eduardo aplaudira a iniciativa; pai e fillo caínlle moi ben e a incapacidade de Nicolás non era tal de impedirlle esa misión. Pero na metade da procesión, tras unha breve parada  de descanso, empezou a sufrir nos seus talóns os embates do bastón de atrás. Unha e outra vez o extremo puntiagudo do bastón mallaba nos seus sufridos pés. A súa primeira intención foi chamarlle a atención a Nicolás, pero se contivo reflexionando acerca da situación. Alí, baixo o Cristo na cruz, tivo a convicción de que o que estaba vivindo era unha penitencia polos seus pecados. Había tempo que enganaba a súa muller, Anita, deitándose con Carmela do Conde, pola que sentía unha atracción irrefreable. As feridas que agora tiña nos pés pagaban o seu perdón. Resistíu o sufrimento ata o remate da procesión, pero cando se deu a volta e víu que detrás del non estaba Nicolás, se non Alberte, o marido de Carmela, armouse unha liorta histórica. Alberte cambiara o sitio con Nicolás na parada de descanso  e fixéralle a Eduardo todo o dano co bastón aposta. O epílogo da procesión foi surrealista: partidarios de Alberte pelexando contra os de Eduardo mentres a banda da OJE voltaba a tocar con entusiasmo o "Sitio de Zaragoza" e Carmiña do Troel e Margarita Castro atronaban a igrexa cantando "Perdona a tu pueblo señor".
  • Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.gal)

Relatos anteriores

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios