sábado. 10.05.2025
El tiempo
09:10
10/03/11

Hoxe: Prexuizo (Carballo, 1.997)

Hoxe: Prexuizo (Carballo, 1.997)
Cosme Campos camiñaba polos corredores do flamante novo edificio dos Xulgados. A porta dunha das salas de audiencias estaba aberta e asomouse curioso para observar o interior. Entre o público, reparou en varias persoas de raza xitana que intercambiaban opinións en ton estruendoso. "Estes sempre igual. Reclaman a integración pero non se integran. As súas roupas, os seus costumes, a súa educación...máis ben a súa falta de educación. Deus, como berran. Non, o que queren non é a integración, senón a impunidade para vivir ao seu aire". A súa mirada pousouse entón no defensor do reo. "O que faltaba, un avogado con pendente. De aquí a un pouco van vir aos xuízos con roupa de locomía en lugar de con togas. Xa se ve o típico moderniño izquierdoso que vive nos mundos de yupi. Todos somos bos e o que delinque é por culpa da sociedade opresiva e alienante e bla,bla,bla...". Fixouse logo na fiscala, unha moza corpulenta que utilizaba lentes e levaba o pelo recollido nunha coleta. "Baleato á vista! Pois xa podía ir á perruquería de cando en vez...e esas horribles lentes dos 80...pero non terá familia ou parella que lle diga algo? Home, parella está claro que non. Será a habitual resentida polo seu físico que quere enxaular a todo o mundo. Vese rexeitada e en vinganza exerce de xusticieira sen escrúpulos. ¡Non me gustaría caer nas súas mans!". Agora a súa atención estaba nos membros do xurado. Percorreu os seus rostros un a un, concluíndo un rápido diagnóstico. "Panda de manipulables, está claro. Quitando ao calvo da dereita e ao das barbas canosas, todos os demais teñen pouca personalidade. Eses dous van mover o cotarro ao seu antollo. E teñen pinta de duros, así que a ten clara o presunto". Precisamente o detido foi o seu último foco de atención. Un mozo de afiados trazos e ollos claros que miraban desafiantes ao resto da sala. "Coño, romanés tiña que ser! E con socios xitanos, non che digo! Claro, se todos veñen do mesmo sitio... E ademais o tío está provocando coa mirada. Facendo amigos no xurado, je, je, je. A ver que se inventa o pasota do pendente, porque o ten difícil". Cosme Campos apartouse da porta e penetrou nun cuarto anexo á sala. Cando reapareceu nesta, presentárono como "o honorable xuíz Campos" e tódolos presentes levantáronse dos seus asentos. Ningún imaxinou o que pasou pola mente do maxistrado antes da sesión, é dicir, no prexuízo.
  • Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.gal)

Relatos anteriores

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios