sábado. 10.05.2025
El tiempo
17:51
13/01/11

Mundo Pendular

Pendular. Así é o movemento que prevalece agora mesmo no mundo. Dun extremo ao outro. Do branco ao negro, do día á noite. Non hai matices, comigo ou contra min, na miña trincheira ou na de enfronte. Nada escapa a ese movementos de punta a punta. A política, tampouco. Hai uns anos viviamos na opulencia. As administracións daban subvencións coma o Rei Mago que mete a man no peto e bota caramelos. Podíase pedir de todo, porque precisamente esas subvencións eran a moeda de cambio pra favores electorais en moitas ocasións. Abrollaban as casas de cultura en núcleos onde tódolos habitantes do lugar poderían caber dentro do propio edificio. Abríanse zanxas, cambiabase un pavemento ao ano de telo “alquitranado” (como diría o gran Alejandro…). Pan et Circus. Agora estamos no movemento pendular contrario. Non hai para nada. Ou case nada. Nin pra o necesario. Actuacións básicas para as veciñanazas non atopan financiamento. De pagar caprichos pasamos a racanear infraestructuras básicas coma saneamentos ou traídas de augas, porque agora todo se mira con lupa e nesa peneira, os criterios para dar o OK aos investimentos, son cando menos dignos de estudo. O peor é ver como determinadas actuacións que no seu día custaron un ollo da cara, esmorecen sen atención de ningún tipo. Misteriosos edificios, áreas de descanso, lonxas pantasmais, infraestructuras varias que nunca chegaron a ter utilidade porque primeiro se facían, se cobraban os favores e logo se concluía que eran innecesarios. Inda sendo conscientes desta situación, non se preocupen. Se algún día a economía repunta e agroman os euros de novo, voltaremos ás andadas. Nos daremos outra festa de barra libre sendo conscientes que ao día seguinte non haberá cartos para unha botella de auga. Porque a mesura e o sentido común, ou “sentidiño”, como lle chamamos por aqui, en certos ámbitos, quedou abolido hai tempo.
  • Fran Hermida (franhermida@quepasanacosta.gal).

Máis información

Entrevista con Fran Hermida

Outros artigos Sen xeito

Comentarios