venres. 09.05.2025
El tiempo
09:33
18/03/11

Nestes días tan terribles

Nestes días tan terribles

Non en poucas ocasións me pregunto por que me dedico a isto. Non falo do xornalismo, non, falo disto. De este espazo de inconformismo, opinión e delirio en non poucas ocasións o que dedico estas liñas cada semana. Esta semana pregúntomo de xeito mais insistente. ¿Por que?.

Sempre crin que se trataba dunha terapia. Como en toda terapia hai dúas partes, que fala e quen escoita e moitas veces un falou só nesta “tertulia”. E non en poucas ocasións estiven tentado, direino así de claro, de mandalo todo a freir monas. ¿Vale a pena?. Non, non o creo. Creo que vale de pouco falar para convencidos e menos facelo neste tempo tan particular, somerxidos na famosa crise e nas súas consecuencias. Non existen elementos, non se dan as circunstancias sociais precisas para a revolución, para ningunha revolución así que ¿para que?, ¿para que tanto esforzo?, ¿para que deixar en evidencia a postura dun mesmo cando ninguén o fai?. Esta semana, especialmente, este pensamento aniñou no meu animo dun xeito difícil de explicar.

Hai elementos persoais e familiares en todo isto, o sufrimento alleo, a perda, a tristura propia de momentos dramáticos dos que a vida ten tantos… pero por outra banda ¿quen me convidou a min a ser bandeira de nada?, ¿quen me chamou a ser voceiro de ninguén, a liderar ningunha corrente de pensamento?. ¿A santo de que vou ser eu referente de nada nin de ninguén?. Non, basta. Xa esta ben.

Esta é a penúltima verdade que digo nestas liñas. A última quedara por escribir pero creo que, por primeira vez dende 2008 vou tomar un pequeno descanso de tanta reflexión. Quen considere interesante coñecer do meu pensamento, da miña idea teórica dun entorno e dunhas regras para a convivencia (si é que tal cousa se pode extrapolar despois de máis de 130 columnas coma esta) non ten mais que dar lectura a todo o que aquí, cunha enorme e profunda paciencia, aglutinaron e atesouran os amigos do QPC. Eu, por agora, desisto. Non é nada definitivo, non quero que sexa entendido tampouco coma ningún tipo de reproche pero creo que é interesante que reflexione sen a espada de Damocles do tempo, destes sete días entre exhalación e inhalación, entre acción e reacción, entre columna e columna. Non é un adeus, para nada, pero me parece ben que sexa un ata dentro duns días. Veremos cantos.

Veremos tamén si para entón entendo ou alguén me explica (si, case mellor isto ultimo) porque me dedico cada sete días dende hai tres anos a dar a tabarra coas miñas tontadas e paranoias sociopolíticas. Tal vez atope unha razón e volva a escribir. Quen sabe.

Por agora, aquí queda todo isto. Facede o que consideredes con eles. Só son pensamentos impropios. Nestes días tan terribles non teño ganas nin forzas, non teño apoio nin animo para ocuparme de nada que non teña que ver comigo. Sinto pola Costa da Morte pero... que Demo, ¿a alguén lle importa?

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información e contacto

Novas relacionadas

Verdades anteriores

Comentarios