Luns. 07.10.2024
El tiempo
10:39
26/09/11

O Argonauta

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Argonauta (Argonauta tuberculata - Roding, 1798)

  • Lugar de compra: Casa de Material Científico Emile Deyrolle (París)
  • Cronoloxía: 1893 – 1894
  • Orixe xeográfica: Indias Orientais.
  • Clasificación: Obxectos educativos / Historia Natural / Sección: Moluscos

O argonauta

  • Clasificación científica: Filo (Mollusca); Clase (Cephalopoda); Orde (Octopoda); Familia (Argonautidae); Xénero: (Argonauta); Especie: (tuberculata).

Os argonautas, único xénero da familia Argonautidae, son moluscos cefalópodos que teñen vida peláxica. Reciben tamén o nome de “nautilos de papel”, en alusión ó seu fino recubrimento.

Os argonautas presentan un extremado diformismo sexual, tanto en tamaño como en forma. As hembras miden sobre os 10 cm. e segregan cunchas de ata 30 cm, mentras que os machos apenas superan os 2 cm. e carecen de cuncha.

A cuncha dos argonautas hembra curiosamente parécese á dos extintos Ammonites. Segrégase previamente á posta, xa que dentro da cuncha é donde a hembra depositará os ovos. As cunchas de argonauta son xeralmente atopadas flotando cerca da superficie ou depositadas nas praias. Á diferencia da maioría das cunchas dos moluscos que están compostas de aragonita, nas de argonauta o principal compoñente é a quitina.

Os argonautas aliméntanse de pequenos crustáceos, moluscos, medusas ou larvas, ás que suxeitan cos seus tentáculos para de seguido mordelas e inxectarlles veleno.

Teñen a habilidade de modificar a súa cor corporal para así confudirse co medio no que viven e pasar desapercibidos para os depredadores. Outra das defensas que empregan é a tinta que liberan cando se senten ameazados. Os depredadores naturais deste molusco son os atúns, os golfiños ou os peixes espada.

A colección malacolóxica da Fundación

Pertencía esta colección ó gabinete de Historia Natural da Fundación, e ó igual que o resto das coleccións deste gabinete, foi mercada en París, na casa de material científico Emile Deyrolle, no 1890 - 1891.

Orixinalmente a colección de moluscos contaba con preto de 2000 especies, das que na actualidade se conservan 1106, aínda que expostas no Museo hai unhas 60, estando a maior parte delas gardadas no vello Instituto.

Na colección da Fundación hai especies dos tres medios: terrestres, de auga doce e de auga salgada. En canto á súa orixe, hai especies dos cinco continentes, posto que foron seleccionadas seguindo a sistemática imperante na época, buscando que estiveran representadas as especies malacolóxicas máis representativas de todo o planeta. Curiosamente hai moi pouquiños exemplares de Galicia, e é, en certo modo unha pena, que en todos estes anos de vida do Instituto, os distintos mestres que por alí pasaron, non aumentaran esta colección con exemplares autóctonos.

No momento da súa adquisición, esta colección de moluscos foi considerada das máis relevantes de toda Galicia.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Tesouros da Fundación

Outros artigos de Darío Areas

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios