Xoves. 25.04.2024
El tiempo
23:22
29/01/12

O espectáculo do estuario do Anllóns

O espectáculo do estuario do Anllóns

Probablemente non sexamos conscientes de toda a importancia que teñen. É máis, pode que os vexamos como zonas pouco coidadas onde a auga estancada dá un mal aspecto. Nembargante isto non é así. Os humidais teñen un importante valor ecolóxico que xa foi recoñecido o dous de febreiro de 1971 cando se firmou o convenio sobre os humidais na cidade iraní de Ramsar á veira do mar Caspio. Dende entonces todos os 2 de febreiro conmemórase o día dos humidais.

Ademais do convenio creouse una longa lista internacional de zonas húmidas que hoxe en día suman máis de 1.000 repartidas en 117 países de todo o mundo. España sumouse a este listado no ano 1982 coas Tablas de Daimiel, Doñana ou lagoas como as de Villafáfila ou Gallocanta. Pouco a pouco fóronse incorporando novos espazos e Galicia tamén conta dende entón con zonas húmidas incluídas no listado Ramsar. Corrubedo, Valdoviño, Ortigueira, Ladrido,… son algúns dos nomes que soan a nivel internacional e que teñen o seu merecido recoñecemento.

Na Costa da Morte temos zonas húmidas de gran valor ambiental aínda que algunhas sufriron a longo da súa historia fortes agresións da man do home. Unha destas zonas que aínda se conserva é o estuario do Anllóns. O río Anllóns, de case 55 quilómetros de lonxitude, discorre polos concellos de Cerceda, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana de Bergantiños arrastrando unha gran cantidade de elementos nutritivos ata a súa desembocadura: o estuario do Anllóns. Trátase dun estuario pechado por una barra de area coñecida como o monte Branco. Este lugar está sometido a fortes correntes de aire que conseguen levantar grandes cantidades de area ata formar a unha duna asimétrica no monte. Este conxunto dunar, de case dous quilómetros de lonxitude e uns catrocentos metros de ancho, divide o estuario en dúas partes.

O Monte Branco pódese ver xa dende a estrada que une Cabana de Bergantiños con Ponteceso, aínda que dende fai uns anos existe unha senda peonil que invita desfrutar deste espazo natural de enorme riqueza tanto paisaxística como ecolóxica; principalmente ornitolóxica. Ao longo de todo o ano pasan por aquí aves de variadas especies autóctonas e migratorias que se poden observar dende o miradoiro de aves instalado nesta senda que comeza na praia de Urixeira (Neaño) e remata no Lodeiro (Canduas).

O elemento máis sobresaínte da rica flora do estuario do Anllóns son as pradeiras submariñas visibles sobre o chan intermareal nas horas de marea baixa. Un espectáculo visible dende a senda peonil. Xa na zona máis próxima ás augas doces do río Anllóns atópanse densas masas de carrizos, de ata tres metros de altura.

Ademais desta riqueza ambiental non deben pasar desapercibidos os estaleiros, hoxe case sen actividade, que son a pegada que deixou a forte actividade pesqueira da Costa da Morte de épocas anteriores onde se construíron embarcacións de diferentes tipos para cada unha das actividades pesqueiras (para a extracción de area para a construción, para o transporte da madeira, para a pesca,…).

Esta semana; concretamente o día 2 de febreiro, este espectáculo ambiental está de festa. Celebrémolo.


  • Nota: Definición de humidal segundo a Convención Ramsar: Extensións de marismas e pantanos, ou superficies cubertas de auga, sexan de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariña cunha profundidade en marea baixa que non exceda de seis metros.

Novas relacionadas

Artigos de Lorena Martínez Canosa: A Costa en Verde

Fonte

Comentarios