xoves. 08.05.2025
El tiempo
09:15
03/12/11

O Ferrolano

  • Madrugada do día 11 de febreiro do ano 1974:

A tranquilidade dos dormitorios no internado da escola náutica de Vigo é alterada por un balbordo que corre de habitación en habitación.

- "Un barco esta indo a pique por fóra dos peiraos!" Esperto e escoito entre os alaridos que produce o vento nas fiestras unha buguina que pide desesperadamente auxilio na noite.

Érgome sobre o meu catre e a través da fiestra que mira ao mar podo ver entre a choiva como unhas luminarias de cor vermella tratan de aloumiñar a noite, para aos poucos segundos, esvaecese entre a auga e o vento.

Os poucos coches que pasan a esa hora pola avenida de Orillamar poñen as súas luces cara ao mar tratando de rachar as tebras coa súa claridade.

Un conserxe da escola, co seu uniforme gris, sae correndo á beira do mar cun aro salvavidas na man, o mesmo aro que colga ao pe do mastro que hai no patio da escola e que ten escrito nel con letras góticas o nome do almirante co que foi bautizada a náutica de Vigo , “Nieto Antunez”, pero chega á ribeira e tan só pode certificar a inutilidade do seu acto.

O vello bedel que fora mariñeiro de mozo e agora retirado do mar consume os seus últimos anos en activo na escola, sabe ben o que é naufragar, pois el xa o fixo en dúas ocasións, e quedase aló, baixo a choiva co aro entre as súas mans e coa anguria de non poder facer nada na súa alma.

A buguina queda afónica por momentos, sen vapor que faga vibrar a súa gorxa de metal e vaise quedando muda aos poucos até morrer.

Eu sigo a mirar dende o refuxio que me da o meu catre a traxedia, como se fose un sono. Ás veces penso si estarei de verdade esperto...


...


Pola mañá soubemos que o pequeno remolcador “Ferrolano”, que ía cambiar o seu atracadoiro en busca de mellor resgardo, non puido coas ondas ao saír da dársena do Berbés, e apesares de que o “Campalans” e outros barcos saíron no seu auxilio, a pesares das luminarias, dos faros dos coches e do pobre bedel e mailo seu aro, nada se puido facer para salvar a vida dos seus catro tripulantes que a perderon a escasos cen metros da fiestra que me resgardaba a min e aos demais alumnos do vento e da choiva.

Eu cos meus recén cumpridos 15 anos, na escola de náutica de Vigo, estaba aprendendo a darme de conta do que era o mar.

A Cara máis íntima do naufraxio

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Artigos relacionados

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios