venres. 02.05.2025
El tiempo
10:19
08/03/13

Paciencia?

Estamos nun momento da historia deses que quedan escritos nos libros e se estudan co paso das décadas (algo que non ten alomenos 10 anos non pode ser considerado historia, penso eu).

Por unha banda, o que moitos sabiamos e diciamos a cotío (que partidos políticos e elite financieira eran a mesma cousa e que todo se financiaba de xeito ben escuro e fraudulento) vense de confirmar de xeito palpable e, a pesares dos vanos intentos do PP por negala evidencia palmaria, só é cuestión de tempo que todo se substancie en sentenzas firmes que acaben con máis dun lonxe da vida política onde nunca debeu entrar “Ti cres?, xa verás como ao final non pasará nada de nada”.

Ben, ogallá que sexa coma eu digo porque senón...

A Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH nas súas siglas) vén de anunciar que os deputados contrarios a ILP que pide a dación en pago coma xeito de eliminación da débeda co banco serán sistematicamente perseguidos pola rúa, ás portas dos seus domicilios, do congreso, etc, para ser “informados” por membros de aquela plataforma do equivocado da súa postura e para que a reconsideren.

Dicía Plutarco (dC 45, dC 120) que “o pobo non ten exércitos así que a sua defensa lexítima só pode ser a persecución e o desterro dos malos gobernantes”. Persecución non violenta, non física, unicamente verbal pero cotiá e pesada, tanto como as medidas da elite para cun pobo asustado e abafado polos ladróns-deputados do goberno.

Ao tempo, datos recentemente publicados polo Tribunal de Contas encargado da investigación das contas dos partidos e que leva nada menos que sete anos de retrasos no seu traballo (cando os delitos por financiamento ilegal prescriben os 4 anos), cifran en preto de 70 millóns de euros anuais en diñeiro público o custo dos partidos para o estado. Nesta cifra, repito, non entran nin cotas de afiliados nin doazóns privadas nin créditos e empréstitos solicitados polos propios partidos. Só carto público.

Segundo o Ministerio de Educación, nun informe de 2008, o gasto medio por alumno en España era de 6.441€/ano. Co que nos custa ter partidos políticos en España, escasamente democráticos, enormemente pechados e constituídos nun poder a parte dos tres principais piares do poder nun estado de dereito (Lexislativo, executivo, xudicial) “dariamos escuela” a case 11.000 estudantes de calquera nivel da educación pública nun ano. Mellor aínda...

Un informe do Goberno de Aragón de 2010 cifra en 685 euros por paciente e día de estancia o custo de ingresar a alguén nun centro hospitalario. Co que nos custa que Barcenas putee o PP ou que IU se negue a facilitar o seu balanzo contable a un inútil Tribunal de Contas (segundo onte titulaba o xornal fascista La Razón) conseguiríamos atender nun ano máis de 102.000 ingresos hospitalarios. De media.

Esta semana a comarca viviu a penúltima historia rocambolesca dunha longa lista de esperpentos públicos protagonizados por edís municipais de unha ou outra facción en tódolos concellos da bisbarra. Escoitade, non hai concello que se libre disto e na nosa bisbarra a cousa supera o admisible dende hai décadas. Pero o de presentar unha moción de censura e non saber como facelo, facelo mal, repetir e que non podas porque dous dos que asinan son tránsfugas despois de seren expulsados do seu partido é algo insuperable. Incrible. Enorme. Tremendo. Escacho coa risa so de pensalo.

Así funciona o noso mundo. A nosa permisividade, o noso total desleixo da vida política, a nosa ausencia de dignididade como cidadáns esta detrás deste particular lodazal que todo o impregna. Esta peste de merdalla mandando nas cousas publicas, ignorantes, patans, inútiles que non valían para nada “e acabaron no ayuntamiento” coma reza o dito popular. “Se non serves para nada ponte pa alcalde”, dicían. Canta razón. Ou mellor para concelleiro, total, so tes que levantala man cando che manden (e ás veces nin iso saben).

Asco sinto. Asco e pena por todos nós. É imposible expresar con palabras a carraxe que me produce este silencio cómplice, a pena profunda que me xeran a banda de idiotas que seguen afirmando, enquisa tras enquisa que votarían ao PP ou ao PSOE ou a calquera outro desta lista de inútiles que, tendo a oportunidade de arranxar nun so dia mais do que moitos poderemos facer en toda unha vida, dedican ese tempo a enchelo seu peto e o dos seus amigos. Sen mirar atrás. Vendo morrer a xente, deshauciada pola Policía que se supón que tiña que vir a protexelos, si, a eles e non a banda de ladróns e delincuentes que gobernan este país.

Ladróns e delincuentes. Chourizos. Vulgares cuatreros de terceira que non durarían nin un cuarto de hora no salvaxe oeste. Cans, nada máis que cans e inútiles.

Si, estou enfadado e triste, porque hai meses, anos, que un país culto e preparado, disposto a reclamar os seus dereitos como pobo soberano, tería queimado na praza pública a esta banda de maleantes. Si, queimado. Pero España non, aquí aplaudímoslle á Pantoja no Luar esquecendo que esta acusada de quedar con millóns en carto público cando o seu mozo era o ínclito “Cachuli”, Julián Muñoz, ex-acalde de Marbella. Aplausos, berros “Guapa¡, Guapa!”.

Pasarán cousas peores, non o dubidedes. Pasarán e serán culpa de todos. Vulgares nazis, quedos, calados, aceptando o holocausto como senón sucedera a cincuenta metros da nosa porta. Quedos, calados. Escoria servil e ignorante. Iso somos. Todos.

Paciencia?. Para que?

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios