Xoves. 28.03.2024
El tiempo
09:15
18/01/12

Papoula Silvestre

Papoula Silvestre

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Papoula Silvestre

  • Papaver rhoeas - Carl von Linné, 1753
  • Lugar de compra: Casa de Material Científico Emile Deyrolle (París)
  • Cronoloxía: 1890 - 1891
  • Clasificación: Obxectos educativos / Historia Natural / Sección: Herbarios

A pranta

A papoula silvestre é unha especie fanerógama do xénero Papaver, pertencente á familia Papaveraceae (Papaveráceas).
É unha pranta de ciclo anual que pode acadar os 50 cm. de altura. Posúe talos erectos e pouco ramificados, con peliños moi finos.
As follas, que nacen alternas ó longo do talo, sen peciolo, son pinnadas e moi dentadas nos marxes, cunha única nervadura central.
As flores, de cor escarlata intensa, case esféricas, posúen 4 finos pétalos e 2 sépalos peludos.
Os pétalos son moi delicados polo que as flores non poden usarse en adornos florais.
O froito é unha cápsula verde pálida, de forma cónica, cunha especie de tapa na parte superior (opérculo), contendo numerosas sementes que escapan a traves das fendas do opérculo. Florecen de principio a fin da primavera.

A papoula asociouse á agricultura dende épocas antigas. O seu ciclo vital adáptase á maioría dos cultivos de cereais, florecendo e granando antes da recolección das colleitas. Os pétalos e as cápsulas das papoulas úsanse para combatir a tos en nenos e maiores. Tamén, debido a que conteñen un alcaloide de efectos lixeiramente sedantes, chamado rhoeadina, empréganse para facilitar o sono. Os pétalos úsanse tamén en forma de tisana ou de xarope.

Os herbarios da Fundación

Dentro das coleccións que formaban parte do gabinete de Historia Natural da Fundación, mercadas na casa de material científico Emile Deyrolle de París no 1890-1891, algunhas chegaron á actualidade prácticamente intactas (fósiles, minerais), mentras que outras perdéronse por completo, debido ó inexorable paso do tempo (volvorestas, insectos, crustáceos).
Polo que se refire ós herbarios, dos 9 iniciais compostos por máis de 1000 especies, chegaron a hoxe en día 892 especies, algunhas das cales se atopan en bo estado de conservación.

En botánica, un herbario (do latín herbarium) é unha colección de prantas ou partes de prantas desecadas, preservadas, identificadas e acompañadas de información sobre o sitio de recolección, nome común e usos. Este concepto de herbario é relativamente moderno. De feito, nos séculos XV e XVI, a palabra herbario tiña unha dobre acepción. En primeiro lugar empregábase para designar un libro no cal se enumeraban, describían e ilustraban principalmente prantas medicinais e os seus usos. En segundo lugar, tamén se usaba o termo herbario para referirse a un conxunto de prantas vivas cuxo propósito era o estudo ou o ensino da botánica.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios