venres. 09.05.2025
El tiempo
10:55
01/04/11

Pese a quen pese

Pese a quen pese

Retorno aquí por preguiza. Cánsanme tantas cousas que simplemente non podo, non debo agradar silencio. A vida dáche en ocasións revolcóns que che fan recapacitar. Os acontecementos colócanche diante da dor dos teus, do pesar, da pena de aqueles os que mais queres e neses momentos un entende o relativo de moitas cousas. Que pouco importa nada, que pouco importa que pase isto ou o outro, que este pense así, que digan de ti. Todo importa moi pouco cando ves sufrir os teus seres queridos.

Nese contexto merece a pena unha reflexión profunda, interior, longa. Unha que outras circunstancias e persoas non me permiten. Unha reflexión que quedara para min, a que fago despois de ver como persoas as que ríspeto e admiro se amosaban tristes pola miña decisión inicial de deixar de escribir nesta a miña casa prestada pola boa vontade dos amiguetes do QPC. Unha decisión meditada e froito dun momento pero tirada abaixo polas circunstancias actuais. Porque resulta que, polo visto, a maquina do tempo entrou a funcionar e en cousas de tres días a Costa da Morte caeu nun furado negro que a fixo retroceder ata o peor momento da ditadura franquista.

>Pensando neste texto, nos acontecementos recentes (O. Orquestra, dous policías locais acudindo a porta do meu posto de traballo a pedir uns papeis que hai oito anos que non lle importan a ninguén, insultos, recados a familiares meus e amigos sobre a miña integridade persoal, graves inxurias verquidas por persoas “respetables”, etc,etc…) ocorríanseme un grande cantidade de palabras. Palabras grosas, respostas afiadas e graves destinadas a facer saír a miña rabia pola actitude dunha serie de persoas equivocadas nos seus planeamentos de raíz. Pero, que queredes, penso que é chegado o tempo das cousas importantes. Das cousas pequenas, das importantes. E por iso digo simplemente o seguinte;

Eu sei quen son. Eu sei tamén quen non son. Eu son un home de 36 anos que leva mais de 14 anos exercendo o periodismo como profesional ou amateur na Costa da Morte. Eu non teño licenciatura ningunha porque cando tiña que estar estudando preferín dedicar o meu tempo a “rascala”, algo do que me arrepinto profundamente. Por iso agora trato de remedialo, con mellor ou peor sorte. Eu son serio e inflexible con algunhas cousas. Serio coa responsabilidade de exercer unha profesión. Serio no trato pero, espero, agradable e aberto si procede.

Eu sei que non teño un traballo fácil pero coñezo cal é a miña responsabilidade. Eu debo ser veraz, certo e debo calar antes que esaxerar, debo medir e entender ao tempo que conto e informo. Eu non estou imputado por ningún delito. Eu non tiven que pagar cantidade algunha en concepto de fianza por evitar ningunha pena de prisión provisional. Eu non bebo cando teño que conducir e non fun nunca multado por eses feitos (e xa adianto que nunca o serei porque considero inadmisible que alguén conduza borracho). Eu non son nin serei un cargo político corrupto … que si, que si, nunca. Eu durmo moi mal polas noites dende pequeno porque o peso da responsabilidade me abruma. Pero eu nunca tiven que durmir en prisión porque nunca fun detido por delito ningún.

Eu son amigo dos meus amigos e de algún dos meus inimigos tamén e estou moi orgulloso de telo tentado no mundo dos negocios a pesares do meu fracaso estrepitoso.

Eu son tal e como se ve aquí, na rúa, na radio, na miña casa e onde sexa que se me atope. Outros, a vista dos feitos puros, duros e contrastables esta visto que non. Lobos con pel de cordeiro. Pese a quen pese, as cousa son así. E crer que unha determinada forma de actuar, rastreira, manipuladora e digna do peor tempo da España mais rancia vai facer que cambie é vivir instalado nun erro clamoroso. E isto tamén é así pese a quen pese. O día 31 de xaneiro todo mudou de repente, é así. Crer que dous municipais avergonzados por ter que cumprir ordes dun superior confundido e frustrado van facer mudar a alguén dun xeito de entender a vida e a su profesión baseado na seriedade e no ríspeto polo medio e o traballo que exerce é non entender nada de nada. Nada en absoluto.

Enorme. Sideral. A distancia moral entre uns e outros é tan grande. Asombrosa, descomunal. Non ten parangón. Uns témola. Outros din que a teñen. A diferenza son simplemente os pequenos detalles.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información e contacto

Novas relacionadas

Verdades anteriores

Comentarios