sábado. 14.12.2024
El tiempo
10:05
16/05/12

Placa conmemorativa

Placa conmemorativa

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Placa conmemorativa

  • Autor: Enrique Mayer Castro (1861 - 1931)
  • Cronoloxía: 1893
  • Clasificación: Obxectos artísticos / Sección: Placas conmemorativas

Descrición

Enrique Mayer Castro recibiu o encargo de realizar tres placas conmemorativas por parte da Fundación Fernando Blanco. A placa que nos ocupa está adicada ao que fora apoderado dos primeiros albaceas de Fernando Blanco, entre os anos 1880 e 1888: o insigne científico lugués Vicente Vázquez Queipo. Presenta un marco de madeira de nogal, profusamente decorado, e realizado polo tallista compostelán Lavandeira. A placa de bronce propiamente dita presenta na súa parte superior o símbolo do ensino. Foi gravada á man, en conmemoración da vida, méritos e títulos do protagonista. O idioma empregado nela é o latín.

Na reunión do claustro do Colexio-Instituto da Fundación, celebrada o 13 de marzo de 1893, unha vez recibida a noticia do pasamento de Vázquez Queipo, que finara dous días antes, os profesores decidiron “adicar á memoria do respetable ancián unha placa que se colocará nun dos salóns deste establecemento”. Querían así amosar a súa gratitude e admirar a multitude de méritos e brilantes cualidades persoais que adornaban a este home, o cal destacou nas ciencias, na literatura, na historia e na política.

O autor

Dende mozo, Enrique Mayer amosou unha gran afección polo gravado, o que o levou a estudar na Sociedade Económica de Santiago, onde foi alumno doutro gran gravador galego, o mestre Modesto Brocos.
Viaxou a Madrid, para ampliar os seus estudos a carón doutro coñecido gravador, tamén de orixe galega, chamado Arturo Carretero Sánchez.
Despóis de anos de formación regresou a Santiago, onde crea un obradoiro de gravado en madeira e metais, e colaborando con frecuencia cos máis importantes xornais e revistas.
Este xenial artista acude a varias exposicións onde sobresae coas súas aportacións artísticas en acibeche.

Exerceu a docencia dende 1890 como profesor de debuxo na Sociedade Económica de Santiago, dende onde impulsou o establecemento dun obradoiro de escultura en acibeche, coa finalidade de que non se perdera esta noble arte. Tamén foi profesor de debuxo na Escola de Artes e Oficios de Santiago.

Enrique Mayer Castro merece ser lembrado como galego ilustre, por toda unha vida adicada ao traballo e a difusión dos seus coñecementos, e especialmente, pola súa gran aportación ás artes galegas do seu tempo.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios