venres. 02.05.2025
El tiempo
11:03
11/11/13

Rendición da conta xeral

Rendición da conta xeral

No artigo do mes pasado escribía que, ata finalizar outubro, asistiríamos á escasa ou nula atención mediática da aprobación da conta xeral. Transcorrido o tempo, constatamos esa premonitoria realidade.

Pero, como en todo, hai excepcións. Por iso, dende a liberdade e o rigor ao que aspiramos, ocuparémonos brevemente da rendición desa conta, para máis adiante, cando dispoñamos de datos oficiais, poder centrarnos na análise das variables orzamentarias que mellor describen a situación de cada un dos nosos municipios.

Hoxe comezamos, pois, opinando sobre o nivel de rendición. Un incómodo encargo para os alcaldes. Porque, na conta xeral deixase constancia do grao de cumprimento entre o prometido e o definitivamente executado. De feito, ata fai catro anos, a rendición da conta xeral en prazo dos concellos galegos non chegaba ao 36%. Agora, a situación mudou ostensiblemente acadando unha participación próxima ao 83%, evidenciando unha significativa mellora.

As causas deste irregular comportamento de antano, atopábanse, entre outras circunstancias, na impunidade ao non aplicar o Consello de Contas as sancións legalmente previstas para os alcaldes e funcionarios incumplidores; tamén polo desorde administrativo detectado nos concellos remisos que foron fiscalizados; pola ausencia de disciplina no cumprimento de obrigas formais con outras administracións; e, por suposto, no interese en ocultar resultados económico-financeiros non favorables, ou déficits encubertos do resultado orzamentario e remanente de tesourería aprobados.

Non obstante, aínda que algunha destas razóns seguro persisten na actualidade, a mellora na rendición de contas foi indiscutible. Pero as causas non proveñen de que os nosos alcaldes tornaran, de súpeto, en máis transparentes; tampouco teñen que ver con razóns éticas. Nin obedecen ao feito de que os nosos dirixentes se decataran que render contas é un elemento consustancial á democracia. Non sexamos ilusos. A realidade é ben distinta. Casualmente, os municipios galegos comezaron a render contas en prazo cando se aprobou unha disposición normativa que impide aos incumplidores percibir subvencións.

Lamentablemente, esta é a nosa realidade municipal. Aqueles que sistematicamente efectúan prácticas que vulneran obrigacións legais básicas, non teñen o rexeitamento social que merecen.

Na seguinte táboa pódese observar como, excepto o Concello de Fisterra, todos os nosos municipios cumpriron coa rendición da conta xeral dentro do prazo establecido (antes do 15 de outubro de 2013).

  Taboa de redencion de contas dos concellos da Costa da Morte

A rendición de contas públicas é un acto que se fundamenta na transparencia que deben acreditar os gobernantes. Constitúe unha obriga legal, derivada da responsabilidade de administrar recursos alleos, e serve para responder da xestión económico-financeira e orzamentaria realizada durante un determinado exercicio.

Por iso, os medios de comunicación xogan un papel clave, decisivo, proporcionando información sobre o uso dos recursos públicos. E por iso, tamén, os cidadáns debemos preocuparnos de vixiar que os alcaldes cumpran co seu compromiso electoral, xa que, sen información plural e libre, sen cidadáns preocupados e responsables, calquera esforzo para avanzar en democracia resulta inútil e decepcionante.

 
  • Domingo Guerra (domingoguerra@quepasanacosta.gal). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

Outros artigos de Domingo Guerra

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios