Domingo. 05.07.2020
El tiempo
18:21
26/03/12

Unha gran crise europea (1709-1711): as orixes da nosa emigración

Unha gran crise europea (1709-1711): as orixes da nosa emigración
Na actualidade é ben coñecido por todos a importancia que ten a emigración en Galicia, en xeral, e nas terras fisterrás, en particular. Na nosa zona, a emigración non deixa de ser un mal endémico que se repite con maior ou menor intensidade según as diferentes variables, aínda que na actualidade o factor primordial desencadeante da mesma sexa o económico. Así, coincidindo coa actual crise económica, a emigración repunta e volta a recuperar destinos case que esquecidos como Suiza, que tivera un papel fundamental nos setenta e primeira parte dos oitenta do século pasado. Os inicios do fenómeno migratorio como algo recurrente na nosa zona podemos situalos trescentos anos atrás. Aínda que na segunda metade do século XVII atopamos nos rexistros parroquiais algunhas referencias a veciños falecidos en Castela ou Madrid, será a partir do século XVIII, e concretamente da crise de 1709-11, cando o fenómeno da emigración se consolide para pasar a formar parte da realidade cotiá dos habitantes do territorio máis occidental da provincia de A Coruña. Se nos adentramos na análise dos motivos que levaron a estas personas a tomar a decisión de emigrar, atopámonos que, desde mediados do século XVII, dábanse en Galicia, sobre todo na costa, claros síntomas dunha recuperación demográfica. Este feito, unido a un período negativo no entorno agrario fará que se rompa o precario equilibrio existente entre poboación e recursos. Pero, ademais desta situación circunstancial, outros integrantes estables potenciaron sempre a emigración de parte dos seus habitantes. Entre eles estarían un medio físico adverso, debido á situación xeográfica e climática; a existencia dun sistema económico de base agraria tradicional, na que o tamaño e a composición das explotacións agrícolas, en xeral pequenas e pouco rentables, imposibilitaba o mantemento dunha familia numerosa. Por outro lado, estaba a incidencia da estrutura e distribución da poboación, as formas de transmisión do patrimonio e o feito de carecer de núcleos urbans capaces de acoller o excedente de man de obra rural. Ademáis, sobre estos veciños recaían inxustas cargas tributarias e continuas levas militares. Como consecuencia do agravamento de todos estos axentes mencionados, e diante da necesidade apremiante de atopar novas fontes de ingresos para subsistir, os galegos incorpóranse a unha corrente emigratoria de duración, distancia e intensidade desigual. En primeiro lugar, e cara o entorno máis próximo, marchan os xoves solteiros que buscan unha axuda complementaria para a economía familiar, ou que intentan fundar un fogar independente para, en numerosos casos, regresar unha vez conseguido este obxetivo. Trátase dun movemento no que se integran por igual as mulleres que se empregan no servizo doméstico. Hai ademáis unha migración estacional, sobre todo desde as localidades máis orientais e meridionais, formada por campesiños que buscan un xornal e que marchan a traballar nas tarefas da sega ou de cava de viñas en grandes explotacións sitas no norte de Portugal, Navarra, Andalucía... De todas formas este tipo de desplazamento tivo como centro básico de destino as zonas agrarias castelás, aínda que progresivamente será sustituido, debido ás mellores expectativas, pola marcha concreta hacia Madrid. Este cambio trouxo variacións na duración da emigración, pois a veces convertíase en definitiva, e tamén no tipo de traballos desempeñados polos seus integrantes, xa que os homes ocuparon postos dentro da parcela de servizos (augadores, porteadores, criados, peóns,…) e as mulleres, ademais das diversas ocupacións dentro do ámbito do servizo doméstico, empregáronse como nodrizas. A esta corrente unirase outra desde a área máis occidental galega que opta por enlazar con Cádiz e con cidades andaluzas próximas para, desde alí, pasar a América nun intento de emular a outros membros desas comunidades que tiveran éxito na aventura. Para o estudo da emigración, o problema máis grave ó que temos que enfrontarnos é o das fontes. Unha das máis importantes, por non dicir a que máis, para reconstrui-lo fenómeno migratorio é o rexistro sacramental dos libros de bautizados e defuncións, conservados nos arquivos parroquiais. Partindo da base que no antigo réxime a emigración predominante é masculina, a través desta fonte podemos saber dúas cousas: A primeira é a existencia ou non de emigración. Para esto chega con saber ás relacións de masculinidade ó morrer, é dicir, saber cantos homes morren por cada 100 mulleres. A outra información que podemos obter, aínda que neste caso só coñeceremos unha parte mínima dos casos reais, é o destino dos emigrantes, que queda sinalado nos actos de honras fúnebres que os familiares celebran na parroquia orixinaria do finado. A análise dos datos dos arquivos parroquiais na comarca de Fisterra amosan que a emigración nesta zona empeza a coller importancia a finais do século XVII, incrementándose o fenómeno de forma considerable a partir da década de 1710. As correntes migratorias afectarán á poboación nos seus principais compoñentes: casamentos, nacementos e falecementos. Precisamente, a análise destes últimos permite deixar en evidencia a anomalía existente nas relacións de masculinidade (morren moitas máis mulleres que homes). De non haber emigración, as diferenzas entre as relacións de masculinidade ó nacer e ó morrer non deberían ser moi acusadas. O estudio das series de bautizados e difuntos nas diferentes parroquias amosa o gran contraste existente entre os nenos nacidos e os homes enterrados. Para o período comprendido entre 1671 e 1780 a diferencia porcentual ronda o 33%. Esto quere dicir que de cada 100 nenos bautizados na nosa zona só aparecen 67 contabilizados como difuntos na idade adulta, o que é un claro síntoma de mobilidade xeográfica ou migratoria.
  • Víctor Castiñeira (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.gal).

Novas relacionadas

A gran crise europea

Especial Guerra da Independencia

As terras fisterrás no século XVIII

A Baixa Idade Media na Costa da Morte: As orixes das terras de Nemancos

As parroquias do concello de Cee: notas sobre a a súa poboación

Que pasou na Costa na época moderna

A Asistencia hospitalaria na Galicia do século XVI

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

comentarios