mércores. 08.04.2026
El tiempo

A Banda do Peixe homenaxea este sábado ás bandas locais no Mercado de Abastos de Muros

A Banda do Peixe homenaxea este sábado ás bandas locais no Mercado de Abastos de Muros
A Banda do Peixe homenaxea este sábado ás bandas locais no Mercado de Abastos de Muros

O Mercado de Abastos de Muros acollerá este sábado 4 de abril, ás 20:00 horas, unha cita moi especial dentro do ciclo Sons no Mercado coa actuación de A Banda do Peixe, unha proposta única que renderá homenaxe á historia musical do Concello de Muros.

O concerto contará cunha multitude de voces sobre o escenario e ofrecerá un percorrido polo legado musical de Muros a través de cancións de bandas que forman parte da memoria colectiva, dende Os Miúdos, Estampida ou Trapos Sucios, ata propostas máis recentes como Lisdexia ou The Rapants, pasando por nomes como Terbutalina, entre outros.

A actividade nace coa intención de poñer en valor a cantidade e diversidade de proxectos musicais xurdidos no municipio, recoñecendo o talento local e a súa evolución ao longo do tempo. Trátase dun encontro que vai máis alá dun concerto, converténdose nun exercicio de memoria, identidade e celebración comunitaria arredor da música.

A Banda do Peixe, concepto acuñado por Xurxo Souto, preséntase como unha especie de superbanda formada por músicos vinculados a diferentes proxectos da escena galega e local. A banda está integrada por Alberto Romero (guitarra; Deleiba, MJ Pérez ou Roi Casal), Javi Fernández (guitarra; Lisdexia, Archivo Adxunto), Xota (baixo; Sonophobia), Mauro Gómez (batería; Batossai, Deleiba), Chema Fernández (percusión; Lisdexia) e Juanjo Fernández (teclados; Esbozo, Mirto).

O concerto terá lugar no Mercado de Abastos, un espazo que se está consolidando como sala cultural grazas ao traballo da ACRD Praia do Castelo, entidade que impulsa o ciclo Sons no Mercado co obxectivo de dinamizar a vida cultural da vila ao longo de todo o ano. A cita preséntase como unha oportunidade para reencontrarse coa historia musical de Muros, celebrando as súas bandas, as súas cancións e, sobre todo, á súa xente.

Comentarios