Venres. 17.05.2024
El tiempo
Beto Rouget
09:46
10/02/15

O noso reino non é deste mundo

O noso reino non é deste mundo
Fonte milagreira de San Roque do Monte-imaxe por cortesia do Concello de Zas San Roque do Monte, na parroquia soneirá de Mira, pertence á veciñanza desde o século XVI. O pobo, xeración tras xeración, mantén a posesión durante períodos históricos de guerra, monarquía absolutista ou ditadura. En plena democracia, 460 anos despois, ollamos como a Igrexa rexistra todo ao seu nome con nocturnidade e aleivosía. A súa ermida barroca de raíces pagás e os seus terreos ao abeiro do Pico de Meda; os carballos, camiños e fontes lendarias; o seu entorno inmaterial creado a través do tempo, os coidados e as celebracións. Todo un “recuncho da Costa” por descubrir. O “rapto de San Roque” débese a unha arroutada de cobiza por parte do Arcebispado de Compostela, mais non só: desde 1998, grazas a unha reforma do goberno Aznar na Lei hipotecaria, apoiada nunha norma franquista non derrogada que outorga poderes notariais aos bispos, a Conferencia episcopal española inscribe milleiros de propiedades alleas sen publicidade e sen pagar trabucos (o caso máis rechamante foi a inmatriculación da mesquita de Córdoba por 30 euros, rebautizada ignominiosamente como “catedral”, para cobrar a entrada no templo tras os millonarios investimentos públicos da súa rehabilitación). Trátase, pois, dunha regaña legal manifestamente anacrónica e tecnicamente anticonstitucional. E así ate abril de 2014, cando remata esta abusiva amortización (mais as usurpacións perpetradas nestes 16 anos non parecen ter volta atrás nos nosos xulgados). No caso que nos ocupa, a Arquidiocese de Santiago actúa xusto antes de perder esa prerrogativa. Segundo a memoria oral, o enclave de San Roque do Monte fora doado no 1564 á confraría local por unha nobre crente agradecida, mais non hai probas fóra dos escritos do historiador Suárez Lema. O ano pasado, pintando un elocuente cadro propio de épocas máis escuras, moita xente dubida en erguerse contra os representantes de Deus na terra. No miolo da polémica, o crego Severo Lobato, que non apoia as reivindicacións dos seus fieis, é destinado repentinamente ás Rías Baixas. O Concello de Zas toma cartas no asunto, mais, lamentabelmente, vén de comunicar que desiste de reclamar xudicialmente o que lle corresponde ao non atopar eses documentos que acrediten a titularidade comunal (que quizais estean tamén secuestrados en arquivos eclesiásticos). Os perigos sobrevoan este espazo (noutras circunstancias similares a Igrexa revendeu o espoliado facendo máis difícil unha hipotética restauración dos bens) e, visto con perspectiva, unha solución preventiva por parte das administracións competentes podería ter sido rexistrar este tipo de propiedades antes de que o fixese a Igrexa. Na batalla por reverter estas inxustizas, a Plataforma por unha mesquita pública, a Plataforma en defensa do patrimonio navarro, Redes cristiás e Europa laica, entregaron este ano no Congreso dos deputados un Recurso de inconstitucionalidade contra o artigo 206 da actual Lei hipotecaria. Por outra parte, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo xa emendou a xustiza española en novembro de 2014, devolvendo un conxunto cisterciense palentino ao lexítimo dono da finca onde está situado. Sobre o papel, o Reino de España é un país aconfesional, e co principio de igualdade ante a lei. No mundo real, a Igrexa católica apostólica romana goza duns privilexios impropios dun Estado de dereito. Será que o noso reino non é deste mundo?

Máis artigos de Roberto Rouget

Máis información

Outras novas

Fonte

Comentarios