xoves. 15.05.2025
El tiempo
Eva Patiño
09:48
15/05/25

Función pública

Función pública

Levo un par de anos traballando coma interina na función pública. Está a resultar unha experiencia moi enriquecedora a nivel persoal. No laboral é, coma calquera traballo, un modo de supervivencia económica mais hai algo que teño claro de sempre e que, traballando na función pública, cobrou outra relevancia.

Cada posto que chego a ocupar está creado para cubrir unas necesidades da poboación, nada ten que ver comigo coma individuo e todo ten que ver comigo coma parte da sociedade. A cada lugar que chego teño claro que me pertence e iso ao tempo conleva que teño nel unha responsabilidade cara a todas as persoas incluso máis aló das propias usuarias dese servizo. Esa “propiedade”, coma calquera outra, non é un só un agasallo se non un compromiso.

Gústame describilo así: “Todas traballamos para todas”.

É máis real ca cómodo pensar isto porque te saca do confort de traballar desde unha seguridade libre dos dramas que se lle atribúen á empresa privada e convirte o teu traballo, por sinxelo que sexa, nunha actividade na que te debes, xa non ao resto de persoas, se non á sociedade coma conxunto. Porque de pouco sirve un discurso na defensa do público se cando accedes a un posto de funcionaria non é precisamente aí onde o defendes con coherencia e bo facer.

Na función pública tanto ten que leves 20 anos coma 20 días, en calquera dos casos ocupas un lugar que infúe en todas nos dous sentidos, no da execución do teu traballo e na volta deste, por un lado o salario e polo outro o mantemento duns servizos que precisas que existan aínda que non sexa directamente ou neste momento.

A miúdo ubicada no meu posto de traballo penso en como cada unha desas persoas traballadoras somos tan necesarias. Non sei ata onde chegará este traxecto porque non é que teña claro que a función pública sexa a miña opción, o que si teño claro é a necesidade de que exista todo isto e que sempre todo é pouco para o que nos pertence, para o que aporta coidados e sostén á sociedade, especialmente nos casos e etapas vitais máis vulnerables.

As funcionarias somos importantes nos nosos postos de traballo e cómpre ubicarse neles con un nivel de conciencia social á altura do que facemos. E senón, tamén temos a opción de traballar en empresas privadas onde o noso traballo estará máis orientado ao enriquecemento duns poucos e sastifaremos as nosas necesidades económicas con menos repercusión social, nunca nula, e esa tamén é unha opción válida e necesaria.

Máis artigos de Eva Patiño en QPC

 

Comentarios