xoves. 16.01.2025
El tiempo
Eva Patiño
09:32
07/01/25

Ir cos tempos

Ir cos tempos e non arrastrar os tempos con nós.

Cando comecei ler o filósofo Byung-Chul Han houbo unha frase del que me marcou desde o primiero libro e sobre a que viran os meus pensamentos a miúdo, “facémonos vellos sen facernos maiores”. Non hai moito alguén falaba dun problema que se dá agora na froita de aquí, podrece sen madurar, na propia árbore, cae xa estragada sen chegar ao seu punto óptimo para consumila. Así coma a frase de Han, envellecemos sen madurar, parece que é así que a sociedade evolucionou, ou igual habería que dicir involucionou, evitando madurar, avanzar e ir cos tempos. Dinnos, “os 30 son os novos 20”, “os 40 son os novos 30”. E dentro de pouco a xubiliación é o novo inicio laboral. Non de balde, acaban de subir a idade de xubilación e non pasa nada, nin folgas, nin mobilizacións, será que os 70 tamén son os novos 60 e que non está a xente disposta a asumir que imos para vellas, o corpo vai doendo e a cabeza xa non está tan dilixente. Dinnos, “a idade é un número” e nós cremos iso e celebramos que somos mellores ca hai anos.

Como a linguaxe que se usa nesas frases feitas mudou a nosa percepción da vida e de nós mesmas dá para pensar. Vivimos de costas aos procesos vitais, ao paso do tempo e, polo tanto, de costas á morte e ao camiño que cara a ela nos leva, que é a propia vida, porque é así, a vida é un camiño cara a morte.

Pero esa é unha verdade moi incómoda que a maioría de persoas non queren asumir, mellor ignorar a realidade humana, maquillala, inxectarlle toxinas e ácidos, así como se fai coa propia pel que non debe reflexar o paso do tempo, mellor crear un mundo plano coma os smartphones e smartTV, liso coma as fotos con filtro das redes, cadrado onde todo encaixa, coma as casas modulares.

Ir cos tempos e non arrastrar os tempos con nós require asumir o paso do tempo e da vida, que é limitada, e vivir con coherencia a esa realidade. Pero o certo é que no proceso de avance dun sistema onde hai que ser produtoras incansables e consumidoras insaciables abandonamos a mirada realista cara a nós, cara o humano. Confundimos unha vida plena con unha vida chea de
cousas, mudamos a posibilidade de vivir unha vida intensa por vivir unha vida acelerada, chamámoslle calidade de vida a ter máis capacidade económica e esa só se consigue producindo e amósase consumindo porque vivimos de cara a fóra máis atentas a como se nos percibe ca a como nos sentimos.

Chamámoslle vivir a esta especie de autoescravitude construída de arredor do material e non do humano e as persoas xa nin aspiran a ser vellas enrugadas que esperan a morte con sosego, cansas de vivir e non de traballar e coas contas ben cadradas consigo e non co sistema que sostiveron.
Ir cos tempos e non arrastrar os tempos con nós, deixar a carga atrás, esa carga que supón seguir sendo nova ou parecelo, seguir tendo a mesma enerxía ou simulalo. O ir cos tempos ben entendido sería asumir o paso do tempo e mirar a vida dun xeito máis humano que nos faga máis amables con todas, comezando por nós mesmas. Crear unha vida na que nos permitamos envellecer e tamén madurar, celebrando a vida vivida e o paso do tempo, e que non nos leve a rematar o camiño lamentando a vida non vivida e o noso paso polo tempo sen deixar que el pasase por nós.

Máis artigos de Eva Patiño en QPC

Comentarios