sábado. 22.03.2025
El tiempo
Eva Patiño
07:46
14/02/25

Meditación


Estaba eu no meu traballo actual, axudante de cociña nun comedor escolar da Xunta de Galicia. Tocaba poñer as mesas, prato, gardanapos, coitelos…

Foi poñendo os coitelos que, nun momento dado, comecei a centrarme en poñelos ben dereitos coa liña do gardanapos lembrando algo que dicía un xefe meu cando mentras estudaba traballaba na hostelería: “Unha boa camarera honra o traballo da cociña desde que entra ao comedor a poñer as mesas”.

Seguín colocando os coitelos perfectamente aliñados co gardanapos, ben dereitos, e comecei tamén un discurso mental sobre como se honra o traballo da cociña pois o nobre acto de comer, tan necesario, comeza no mesmo momento no que os comensais entran ao comedor, arrecende a comida e todo está perfectamente colocado.

Continuei cos vasos e ía colocando de tal forma que desde a cabeceira da mesa se visen en liña, e seguín co meu discurso interno. Lembrei cando estudaba, eu fixen dietética e nutrición, aqueles temas sobre o compoñente emocional do comer. Pensei como ese acceso a un comedor ordenado coas mesas ben postas que, como digo arriba, é o inicio do acto de comer, suma a esa parte emocional que o comer ten.

Como eses segundos extra que pode levar colocar un coitelo ben dereito e un vaso un centímetro máis acó ou aló son uns míseros segundos da miña vida para que, neste caso, a crianza que accede e senta para comer, perciba incluso inconscientemente esa colocación,
que perciba como quen puxo aquel servizo que vai usar o fixo con coidado, con estima polo que estaba a facer. Eses segundos extra, usados en facelo un pouco mellor, non suponen nada no total do xornal e marcan unha gran diferenza.

Neste punto caín na conta de que o comedor estaba xa listo, mireino e deime conta de que fixera aquel traballo coa mente en meditación, título dun libro que recolle algunhas charlas do grande Jiddu Krishnamurti, el dicía que a meditación está no cotiá, na nosa vida diaria. Esa forma de poñer as mesas dun xeito consciente é exactamente ao que el se refería. Vivir dun xeito consciente, forma que tanto de fala agora e que se practica nas aulas de Ioga e Mindfulness, pode que para compensar esa falta de vida real consciente da que eu levo uns anos escapando e que, precisamente, pasou por abandonar o meu traballo executivo e negarme a volver a ese tipo de empregos. Hoxe sentín que, efectivamente, escollín un bo camiño por máis que sexa lonxe do que se nos di que debemos desexar, por máis que na superficie sexa o camiño do fracaso social, abandonar eses traballos que tan ben se me dán e tanto prestixio social poden aportar mais que non deixan tempo para vivir conscientemente.

E aínda pensei algo máis, aquel sosego que sentín cando o comedor estivo listo non só era froito da meditación, porque ese tempo foi de auténtica meditación. Ese sosego era algo que todas as persoas perseguimos, era realización persoal, realización persoal no traballo, e esta veuse dar coma funcionaria interina na categoría máis baixa da Xunta, a Agrupación Profesional de Limpeza e Cociña. Nin nunha reunión importante de mandos intermedios, nin naquel ascenso hai tantos anos, nin nunha das tantas viaxes a Catalunya ou Madrid para realizar formacións importantísimas, ou ter reunións, presentar proxectos ou formar persoal novo para a compañía. Non, ese momento no que
me sentían totalmente realizada deuse poñendo as mesas para unhas 400 crianzas usuarias dun servizo de comedor ao que teñen dereito. E sentinme feliz.

Sempre fago unha brincadeira cun dito feito, o de “o traballo dignifica”, eu digo “non, o que dignifica é a nómina” mais hoxe penso que pode que o traballo si dignifique, pero ten que ser un traballo ben feito, levado a cabo dun xeito consciente, sobretodo coa consciencia de como repercute no resto de persoas porque o que nos dignifica é o humano e todo canto facemos chega ao resto.

Pode que o traballo si dignifique pero só se o facemos con agarimo, non tanto polo traballo, senón polo que ese traballo significa no mundo, non tanto polo que ese traballo supón na nosa vida, se non polo que supón nas vidas das persoas ás que vai dirixido.

Máis artigos de Eva Patiño en QPC

 

Comentarios