Mércores. 14.04.2021
El tiempo
Javi Turnes
11:33
02/10/10

O arsenal dos instantes eternos

O arsenal dos instantes eternos

Nalgún intre nalgún lugar probablemente a un neno escoiteille unha definición do tempo como aquilo que fai que non todo ocorra á vez. Sen dúbida unha definición suxerente, que me levou a pensar nunha vivencia íntima e recurrente que afirma xustamente o contrario, é dicir: que todo ocorre á vez. E que para nós, a vida apenas consiste en deixarnos decidir pola posibilidade que nos toca e que abre todo foi e todo porvir nun instante. Nun instante eterno, máxico.

O filósofo G. Agamben, comenta nun dos seus textos que “é probable que a invencible tristeza na que se precipitan ás veces os nenos xurda da conciencia de non ser capaces para a maxia. (…) [porque] aquilo que podemos alcanzar a través dos nosos méritos ou das nosas fatigas non pode, en efecto, facernos verdadeiramente felices”.

Ser Nada, ser Ninguén insérenos no inicio de toda a potencia á que nos abre a nosa condición de mortais e cóntanos que vivir consiste en algo así como repetir na memoria todo o sido, en proxectar na imaxinación un futuro pasado; por iso todo ocorre nun instante: aquí e agora, sen elección, sen depender de que eu o queira. Quizá por iso os nosos momentos máis íntimos nos asombren. Porque todo ocorrer, todo movemento, todo ser e toda percepción é un acontecemento ao que asistimos: percibir o mundo é un acontecemento. Acontecer consiste en que acaeza iso que ten lugar unha soa vez e todas as veces.

Existe algunha lei que nos permita saber se somos amigos do tempo, se a dirección que toma noso existir é a correcta, a mellor, a verdadeira? Afortunadamente, esta cuestión non nos invade sempre, como dicía, senón que acontece, irrompe sen esperar na velocidade variable dos días e as rutinas (afortunadamente?), mais enfróntanos ao reflexo do que fixemos de nós ata agora. Sitúanos radicalmente ante o significado máis profundo do ético, ante sexa o que sexa nós mesmos. Neses momentos que son a imaxe do sempre e nos que un se apea do tren ou ve como o tren se vai, nesas ocasións -cantas?- nas que un non pertence ao ruído do social, nas situacións nas que a un non lle incumbe todo o que se fai ou se di ou se pensa ou sente e entón un párase e entón un non sabe moi ben que ou quen é porque toda resposta, porque toda decisión ou posibilidade ou continxencia queda en suspenso. É aí cando parece que nosa historia enteira, a nosa vida se condensa nun instante do que pende a posibilidade de que todo ou apenas algo teña sentido. E ata o obxecto máis cotián adquire unha presenza estrana. O agora do enigma da existencia, o momento dos nomes secretos.

É coma se a historia dun estivese composta exclusivamente de todos e cada un deses cándos condensados no instante da decisión. Un instante que é eterno, é dicir, que está fóra do tempo e que o fende con toda a verdade deste mundo, con toda a verdade do amor, no fondo: ás persoas, ós lugares: toda a maxia que aínda habita no universo.

O neno que en nós habita imaxina nun intre esa colección de momentos eternos, de momentos nos que un se pregunta se a súa vida ten sentido, de momentos que son principalmente os que pasan a formar parte do arsenal dos nosos recordos e que un conserva como o máis valioso dos tesouros. Si, do arsenal ou almacén xeral de armas e outros efectos de guerra que nos permite loitar para seguir vivindo. Para seguir amando este lugar non elexido.

  • Javier Turnes (javiturnes[arroba]quepasanacosta.com)

comentarios