Venres. 29.03.2024
El tiempo
Javi Turnes
10:09
02/05/11

"Sen título"

"Sen título"

Onde é posible atopar unha auténtica imaxe do pasado?

Enredados na vanidade do histórico esquecendo a constancia das cousas, a lei das mareas, o tacto das pedras e o calor estrano da lúa. O ritmo incógnito das olas e do vento que nos envolve.

O silencio case absoluto das árbores.

Facendo das realidades concretas un cúmulo de abstraccións. Atravesando calcáreos o ruído da opinión, a vanidade da ignorancia.

Esquecede.

Non vai a vir a xustiza para eses anhelos (polo menos, esa xustiza da técnica e dos homes), non virán os heroes (polo menos, eses heroes da técnica e dos homes), porque o heroe tan só é o máis escuro e sinxelo dos humáns, habita na fenda que se abre entre a forma e o seu significado, entre o estrondo e o porvir, entre a constelación do sentido e os berros xordos de todos.

Mentres o home non escoite de novo aquelo que nada significa que nada comunica, aquelo que fai transparente algo que permanece indiferente a toda significación (esa significación da técnica e dos homes. Esa significación económica);

aquí a única hexemonía será a dun falso exército de salvadores.

Ou acaso aínda non nos advertiron da impenetrabilidade da vida, que nada entra en nós sen crise (esa palabra!). Que en todos ha de haber miseria e fracaso e sombra, que sen trauma non hai existencia nin aprendizaxe…

Pero cal é o mundo que nos contaron?

Cal é ese mundo no que dicimos vivir?

Existe esa sociedade da que falamos? Esa que cada día xulgamos? E nós? Nós existimos?

  • Javier Turnes (javiturnes[arroba]quepasanacosta.gal)

Escarpaduras anteriores

Novas relacionadas

Comentarios