Xoves. 10.10.2024
El tiempo

O debate do reparto das vacinas contra a COVID-19: unha sociedade enferma?

Vacinando no Hospital Virxe da Xunqueira contra o coronavirus
Vacinando no Hospital Virxe da Xunqueira contra o coronavirus
O debate do reparto das vacinas contra a COVID-19: unha sociedade enferma?

O pasado 27 de Decembro de 2020 administrouse a primeira dose da vacina contra a COVID-19 no Estado Español, nesta ocasión Galicia non quedou retrasada. Dende entón, os colectivos priorizados -anciáns e sanitarios- estánse a vacinar, algúns (entre os que me inclúo) xa coa segunda dose administrada.

Cando penso na historia das vacinas, penso como médico mais tamén como galego e británico (a miña segunda nacionalidade). O termo orixinalmente procede da viruela da vaca ao descubrir Edward Jener, médico inglés, en 1798 o efecto protector que a viruela bovina tiña nas gandeiras sobre a viruela humana (o que chamamos inmunización). Por certo, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) a viruela é única doenza erradicada do planeta, pese a que chegou a matar a uns 300-500 millóns de personas no mundo só no século XX (non hai tanto tempo). Motivos para a esperanza na actual pandemia?

Doutra banda, todos sabemos do papel deste animal na historia, economía e socioloxía do noso país no que aínda hoxe non son poucas as familias que pensan no seu patrimonio segundo o número de vacas que posúen, as cales teñen nome propio (Paloma, Cachorra, Pichona, etc.). E Galicia e a historia das vacinas tamén teñen un nome propio: Isabel Zendal Gómez, enfermeira galega nada en Agrela, Parroquia de Parada (Ordes, A Coruña) en 1771. Está considerada a primeria enfermeira en misión internacional pola OMS “transportando a vacina contra a viruela a través de vintedous cativos coruñeses aos territorios de ultramar do Imperio Español”, a chamada Expedición Balmis, non menos polémica que o hospital madrileño que leva o seu nome. No barrio de Zalaeta na Coruña pódese contemplar un busto conmemorativo a Isabel Zendal, mentres que no Paseo do Parrote da mesma cidade, dendo onde partiu a expedición, existe unha escultura en memoria dos mencionados cativos dende o 2003.

homenaxe Expedicion Balmis na Domus na Coruna
Homenaxe á Expedición Balmis ao carón da Domus, no Paseo da Coruña

Voltando ao tema das vacinas contra a COVID-19, demostradamente seguras e eficaces na prevención da COVID-19, é dicir, a neumonía causada polo SARS-Cov-2 (o coronavirus). ¿Canto tempo dura este efecto? Non o sabemos. ¿Os vacinados poden contaxiarse (sen síntomas) e contaxiar-transmitir o virus? Non o sabemos. Nembargantes, só a prevención da doenza grave -neumonía- contribuiría a que máis xente se contaxie sen síntomas, é dicir, á chamada inmunidade de rebaño, o que levaría ao desexado final da pandemia, como xa ocorreu coutras infeccións (viruela, sarampión, etc.). Mentres tanto, os vacinados, que podemos continuar contaxiandonos de forma asintomática e contaxiando aos demáis, quen ao non estar vacinados aínda poderían rematar con neumonías potencialmente letais, temos que seguir usnaod as meidas de sitanciamento e mascarillas. Ata cando? Os expertos (eu non o son, polo menos sei que non o son), falan da teórica cifra do 70% para acadar a ansiada inmunidade de rebaño ou grupo, é dicir, o final da pandemia.

Fronte a isto, estes días estamos a escoitar debates nos medios de comunicación acerca do protocolo de priorización da vacinación, quen debe ser vacinado primeiro, segundo, terceiro, etc. tendo en conta o número limitado de doses neste momento e unha producción máis lenta do que se tiña pensado, pero que seguro se acelerará proximamente. Dito protocolo obedece a unha cuestión de medicina preventiva e saúde pública. Non existimos coma seres illados en si mesmos porque así non poderiamos sobrevivir moito tempo (recapaciten sobre esto) se non coma un conxunto de individuos interdependentes uns doutros que se chama sociedade (Durkheim). E dende un punto de vista médico-sanitario (para a supervivencia) dito concepto de saúde pública é tan necesario como a saúde individual.

Son médico, xa recibín a segunda dose da vacina (sen efectos secundarios salientables máis que unha mínima dor no brazo e cefaleas leves, ao igual coutros compañeiros e compañeiras). Resulta crucial entender que a miña vacina non só vaime inmunizar a min se non que inmunizará ao resto de persoas -doentes aos que atendo en consultas, urxencias, vecinos, contactos do barrio, etc.- aos que eu –no caso de ser infectado e causar baixa laboral- non podería prestar atención sanitaria. Creo pouco nas casualidades, e resúltame pouco causal que agora (2 Febreiro 2021) que estánse a producir estes debates, o Goberno declare (un ano tarde!) a COVID-19 coma enfermidade profesional nos sanitarios. Ademáis, no caso hipotético de que as vacinas serviran para a prevención dos contaxios, eu podería transmitir a infección aos doentes e compañeiros, logo aos familiares, etc.

O mencionado protocolo das vacinas ríxese polos catro principios de bioética, desenvoltos tralo proceso de Nuremberg como superación dos terribles experimentos no Holocausto nazi e durante a Segunda Guerra Mundial: i) beneficiencia (o tratamento, neste caso vacinas, en principio vai mellorar ao doente), ii) non maleficiencia (o tratamento non debería facer dano), iii) autonomía (o doente, libremente, decide, se o toma ou non –consentimento informado-) e iv) xustiza (a todos igual, sen discriminacións). E este último aspecto –xustiza- o que estáse a debatir. Pero sí, toda a xente vaise vacinar, se ofrece o seu consentimento (outro aspecto -autonomía- polémico no caso dalgúns anciáns en residencias con dubidosa capacidade). Pero dado que non se pode vacinar a toda a poboación nun día, temos que priorizar, e esa priorización faise non pensando individualmente nos sanitarios ou nos anciáns coma individuos, se non en toda a poboación coma sociedade.

Se queremos vencer esta pandemia como sociedade, e outras que puideran vir, porque como individuos fronte á pandemia somos moi vulnerables (xa demostrado), temos que pasar do sálvese quen poida ao xuntos salvámonos todos. Pensen nesa repugnante escena das películas sobre o Titanic (houbo varias antes ca xustamente famosa e premiada con varios Oscar de Cameron) na que o presidente da naviera salta ao bote para salvarse (como eses alcaldes e funcionarios que se vacinan estes días) e pensen tamén en cantos ocos quedaron baleiros nos botes salvavidas (mulleres e nenos = sanitarios e anciáns aínda non vacinados), é dicir, en cantas vidas puideron/poden salvarse.

E falando de xustiza e vacinación da poboación mundial non quero rematar sen esquecerme da necesidade de que os gobernos (dos estados occidentais, enténdese) financien (é dicir, financiemos) a vacinación da poboación dos países en vías de desenvolvemento, xa que dubido moito que as farmacéuticas fagan isto de balde. Do contrario, podería ter razón o filósofo esloveno Slavoj Žižek cando afirmaba nunha recente entrevista (El País, 24/01/2021) que “as vacinas son a luz ao final do túnel, porque achégase un tren de fronte”.

Comentarios