Sábado. 05.10.2024
El tiempo

'Panem et circenses': contradicións na aceptación do alleo

'Panem et circenses': contradicións na aceptación do alleo

O pasado 24 de maio o Real Madrid FC acadou a súa 14ª Champions League. Xogadores coma Benzema, Vinicius (quen marcou o único gol da final), Modric, Valverde ou Courtois foron os protagonistas desta conquista, e en xeral da exitosa tempada do club, con Liga incluída. Cómpre destacar que no once titular da final só o lateral dereito – o xogador menos relevante no fútbol - nacera no estado español, Carvajal. A piques de comezar o verán, os siareiros do Real Madrid, repartidos por toda a xeografía española, festexaban un título español, como recollían os medios de comunicación. Sen dúbida, un gran avance. Os lectores máis novos quizais non se lembren dos insultos racistas que a miúdo se escoitaban nos anos 80 e 90 nas bancadas do Santiago Bernabeu procedentes de siareiros madridistas e dirixidos aos seus propios xogadores. Tratándose da 14ª Champions League, e malia ter eu máis ben pouco de madridista, teño que recoñecer o éxito acadado.

Nestes tempos de panem et circenses, no fútbol (circenses) si somos quen de integrar o Alleo, sen esas resistencias que si amosamos noutros ámbitos da vida (co prezo de non ter panem). Por que? Por que non permitimos que as nosas institucións públicas –administración, educación, sanidade ou xustiza-, empresas privadas, equipos de traballo, etc. se enriquezan co talento que vén de fóra? Si, estou a falar dese nacionalismo doutra época que supoñiamos superado tras dúas guerras mundiais e que está tan presente na nosa actualidade (Vox, Brexit, Le Pen, Ucraína,…).

Aínda que o debate é máis profundo, coido que a razón principal é o MEDO. Medo coma resposta emocional e irracional ao ALLEO, aos inmigrantes, quen sempre deben ser culpabilizados dos males locais (“veñen a roubarnos os nosos postos de traballo”). Todo o contrario. Os inmigrantes -e os galegos ben o sabemos- non só non “rouban” postos de traballo senón que os xeran (o seu propio e 3-4 traballos máis, aumentando así o PIB do estado de acollida), sobre o que existen demasiados estudos científicos no campo da economía. ¿Por que aqueles estados historicamente acolledores de inmigración (EEUU, Reino Unido) teñen tasas marxinais de desemprego (inferiores ao 4%!)? Un inmigrante traballa, si. Pero ademais paga un alugueiro, merca roupa e vai aos viños (ou cervexas –ou pints-), é dicir, paga impostos. No fondo ese medo só traduce unha conciencia (aínda que parcial) das propias carencias e de xenreira cara ao Alleo, coma protección do propio, que síntese débil. Aínda que o intercambio nos enriquece, os discursos populistas anti-inmigración son cada vez máis frecuentes. Baseados nese concepto Estado-nación do século XIX e primeira metade do século XX, estimulan o “peche” de fronteiras para importar talento e inmigrantes, condenando a poboación local, na súa inconsciente defensa narcisista do propio, á mediocridade e á imposibilidade de desenvolvemento (no mundo globalizado do século XXI!). Dito isto, cómpre avaliar dalgún xeito (non é doado) os obxectivos e expectativas laborais do emigrante, para o seu propio beneficio e protección contra o abuso das mafias e/ou do estado de acollida. Doutra banda, aínda que con matices, a poboación local podería ver xustificadas ditas políticas anti-inmigración. 

O MEDO é o principal limitador da nosa liberdade. ¿Medo a eles e a elas? ¿Ou medo ás nosas carencias e limitacións, que na nosa defensa do propio, que sentimos baixo ameaza ante a chagada de alguén (¿mellor ca nós?), tratamos de negar? Como afirmaba Oscar Marín, neurocientífico madrileño asentado no King’s College de Londres e membro da prestixiosa Royal Society (xunto a Newton, Darwin, ou Einstein), nunha recente entrevista (El País, 12/07/2022): “las sociedades capaces de atraer talento de más sitios son más ricas y tienen mayor capacidad de generar cosas nuevas”. Asumidas as dificultades para atraer talento novo, especialmente de economías máis poderosas cá nosa, por que fracasamos como sociedade na acollida dos nosos emigrantes cando estes desexan retornar á terriña?

Nestes tempos de grave crise económica e falta de man de obra, cómpre acoller os retornados que un día, con moito sacrificio persoal emigraron de Galicia e agora, tamén con moito sacrificio persoal e económico (incluso maior) aceptarían o ansiado retorno, se simplemente o seu esforzo fose recoñecido. A historia repítese. Perdemos os nosos emigrantes, para beneficio deles, e prexuízo do país. Tería o Real Madrid gañado a Champions e a Liga sen eses ‘emigrantes’? Pois isto é o que nos estamos a perder como sociedade. Lémbrese cando vaia ao centro de saúde e lle dean cita para dentro dun ano. Ou se o mestre do seu fillo non tivo tempo para titorías nunha clase de 30-40 alumnos. Mentres tanto, panem (cada vez máis escaso, pero sen influencias de fóra) et circenses (que abonda, gracias aos emigrantes)...

  • Javier López Moríñigo, coruñés na diáspora. Médico-Psiquiatra formado na USC. Doutor en Medicina polo King’s College London (Reino Unido). Na actualidade, Médico-Psiquiatra e Investigador Post-Doctoral no Hospital General Universitario Gregorio Marañón (Servicio Madrileño de Salud, Comunidad de Madrid)

 

Outros artigos de Javier López Moríñigo en QPC

Comentarios