Clamor
Ás veces escoito frases que me asustan. Escoito cousas coma “Unanimidade”, ou “decreto” ou decisión necesaria, en boca de dirixentes que non o son ou que carecen de credibilidade para selo.
Pero unha das verbas que, de xeito libre, máis medo me pon é clamor. Clamor é o termino que un Alcalde, Presidente ou Ministro soe utilizar coma escudo para tratar de diluír unha mala decisión ou un acordo tomado por intereses espureos ou pouco publicables. Esta semana escoitei clamor dúas veces. E me sigo cuestionando por qué.
Para min clamor foi o que levou a toda unha comarca a solicitar un Hospital nos anos 80 de xeito popular e continuado. Clamor se podería aplicar o movemento xurdido a raíz da noticia da compra de Carburos Metálicos por Ferroatlantica e o hipotético peche das fabricas de Cee e Dumbría. Clamor foi o que motivou a mobilización o redor do Prestige e un clamor removeu a comarca despois do desastroso asunto do Casón.
Un clamor é unha avalancha, un movemento imparable que non precisa nin de políticos nin de mercachifles que a abandeiren. Un clamor é cando unha vila enteira, sen fisuras, unha comarca, miles de persoas piden a voz en grito algo evidente; sanidade, traballo, seguridade, medios…
Un clamor e cando, moi de cando en vez, asoma a rua aquilo tan manido da “sociedade civil”, un auténtico Guadiana que aparece e desaparece na mesma medida en que medra ou cae a indignación popular por un asunto calquera.
¿Queren que lles diga que non é un clamor?. Non, seguro que todos saben que non era un clamor aumentar a plantiña ó redor do alcalde na vila de Cee. Non era un clamor gastarse millóns de euros nunha praza que practicamente ninguén pedira (salvo certos potentados en certas comidas), nin era un clamor ceder por convenio un terreo público para que se contruira un centro comercial privado (máis millonarios, máis comidas…).
Non era ningún clamor a venta das parcelas do recheo a toda velocidade. ¿Un clamor?. Durmir pola noite na rúa Calzada é un clamor, ter un traballo digno durante máis de tres meses nun supermercado inaugurado a bombo e platiño é un clamor. Ter acceso real á sanidade nun hospital similar ao dos demais e non nun de terceira clase é un clamor. Ter dereito a expresarse sen medo é un clamor. Iso é un clamor. O demais, son gañas de marear. E de insultar a intelixencia dos contribuíntes.
- José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.com).