Postais
Un dos costumes que as novas tecnoloxías (internet, sms, etc) eliminaron caseque dun plumazo foi a de enviar postais dende o lugar de vacacións. Estas fotografías con mensaxe por detrás convertéronse moitas veces no reflexo certo e exacto das sensacións que o viaxeiro ou o visitante obtiña do lugar a onde acudiu. E despois destes días de verán, estraño, cheo de rarezas, cousas fora de lugar, gastos suntuarios exaxerados en festas e ágapes, en eventos gastronómicos con escasa base social e cultural e puramente destinados a engordar os bandullos dos foráneos e dalgún empresario do ramo hostaleiro.... despois de tanta boraxine ocorréronseme varias postais moi adecuadas do visto e oído.
Ocorreseme unha coa foto dunha beirarrúa emporcada en sangue, en sangue humana de sábado noite, ou de venres noite... ou de mércores noite, que demo, que pa iso estamos de festa. Ocorreseme un regueiro de sangue dun nocello escangallado por un cristal de botella roto a propósito por un idiota con escasa educación e moito alcohol na barriga e na cabeza.
Ocorreseme una praza nova a estrear, que se levou por diante os cartos destinados as aldeas por dous anos e que aparece emporcada en aceites, en licores e refrescos, en merda en definitiva, sen solución de limpeza posible sen gastar, outra vez, uns cartos que non temos. Ocorreseme unha praza valeira, so chea da musica dunha orquesta de artistas de terceira, esforzados e entregados en facer disfrutar o aire e o vento dunha musica doutro tempo que a ninguén interesa. Ocorreseme una imaxe de mozos e mozas de entre 14 e 18 anos, borrachos como cans, derrubando un contedor coa maior das impunidades, mentres a ausencia de forzas de seguridade na rúa e tan flagrante que ata os policías locais desbordados se queixan en privado pola súa soidade.
Ocorreseme unha fotografía de fermosos lumes de artificio que se gastan dende aquí para que se sigan vendo dende aló, dende a vila dos vitoriosos. Ocorreseme un medico que non o era, e a fotografía dun alcalde tan inútil que é incapaz de tramitar a licenza dun establecemento sanitario no seu concello, a escasos metros da casa consistorial. Ocorreseme unha imaxe de navallas fronte o mercado en Cee, de feridos por arma branca. Ocorreseme un xornal que esquece moitas destas cousas en prol de facer rendible a publicidade que se saca dos concellos no verán.
Ocorreseme unha fotografía extraordinaria do promontorio Fisterrán visto dende a estrada o pasar pola ponte do Ezaro e da inmensa felicidade de tanta fermosura concentrada en tan pouco espazo. Ocorreseme que esta si sería unha fermosa postal... aínda que todo o demais acabe por emporcallala sen remedio.
Ocorreseme que nos gastamos mais de 20 millóns de pesetas dos de antes en festas, cando tantas e tantas cousas están sen facer. Ocorreseme que a praza de marras segue sen nome. Chamemolle Praza V... seguro que lle queda ben, polo dos marcianos da serie.
- José Luis Louzán.